Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » A Xunta aborda coas rexións marítimas e periféricas a igualdade de condicións no mercado pesqueiro europeo e o reforzo da soberanía alimentaria

A Xunta aborda coas rexións marítimas e periféricas a igualdade de condicións no mercado pesqueiro europeo e o reforzo da soberanía alimentaria

09/04/2025 | ,

— O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu unha reunión do grupo de traballo de pesca da CRPM na oficina de Bruxelas da FGE 

— Nun encontro co comisario de Pesca e Océanos defendeu a necesidade de promover a descentralización da xestión pesqueira para garantir a participación das rexións na toma de decisións

Bruxelas, 9 de abril de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu unha reunión do grupo de traballo Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) na oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas. No encontro, abordou a estratexia para avanzar na implantación dos principios de level playing field –equidade ou igualdade de condicións– no mercado pesqueiro europeo, así como o reforzo da soberanía alimentaria que garanta a subministración de alimentos do mar de calidade aos consumidores europeos.

O responsable autonómico puxo en valor que as prioridades de Galicia son comúns ao resto de comunidades costeiras que forman parte da organización e subliñou a oportunidade que supón o proceso de avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) aberto pola Comisión o ano pasado. Un momento no que a comunidade, na súa condición de principal rexión pesqueira do continente, quere promover cambios que permitan reforzar o traballo das flotas europeas, que operan por todo o mundo, cumprindo os máis altos estándares de sostibilidade a nivel internacional.

Alfonso Villares situou a proteína azul como esencial e imprescindible para garantir a independencia de Europa de terceiros países, con normativas no ámbito ambiental, laboral e persecución da pesca ilegal moito máis laxas. Estados que logo introducen os seus produtos no continente xerando unha competencia desleal cara as empresas europeas. Dous asuntos, a soberanía alimentaria e o level playing field, que van a centrar a acción política, tanto de Galicia como da CRPM, nas institucións europeas.

O titular de Mar tamén convidou ao resto de rexións pertencentes a esta entidade a participar no foro que vai organizar a Xunta proximamente na comunidade no que seguir afondando en tecer alianzas no impulso do protagonismo das rexións no desenvolvemento das políticas pesqueiras en Europa e tamén no que dar a coñecer as actuais liñas de traballo e proxectos en curso. Un evento no que o Goberno galego quere dar a coñecer o labor dos centros de investigación autonómicos así como o modelo de cogobernanza da xestión pesqueira que realiza a comunidade.

Alfonso Villares presentou, ademáis, o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), como folla de ruta de Galicia de cara aos retos presentes e futuros que enfronta a cadea mar-industria. Un documento que reformula os anteriores e que comparte a posición da CRPM expresada recentemente na publicación de Unha visión para a competitividade territorial nas rexións periféricas marítimas. Nel se recollen puntos como a rexionalización da PPC, a remuda xeracional, a soberanía alimentaria, a pesca artesanal, as zonas altamente dependentes da pesca, a economía azul, o enfoque ecosistémico na xestión pesqueira, a adaptación da pesca ao cambio climático, a protección da cultura marítima ou o nomeado level playing field.

Rexionalización da PPC

A xornada anterior, a CRPM, que representa a máis de 150 rexións de 24 estados nos que residen 200 millóns de persoas, mantivo un encontro co comisario de Pesca e Océanos da Unión Europea, Costas Kadis, co obxectivo de impulsar o diálogo entre esta entidade e o executivo comunitario. Na cita participou o conselleiro do Mar na súa condición de presidente do grupo de traballo Marítimo e de Pesca. O responsable autonómico trasladou a necesidade de que na reforma da Política Pesqueira Común se avogue pola súa rexionalización e reafirmou o compromiso da comunidade no impulso da economía azul.

Alfonso Villares situou a descentralización da xestión pesqueira como unha prioridade para Galicia e o conxunto da CRPM, con obxectivo de que se garanta a participación das administracións das rexións altamente dependentes da pesca, como Galicia, no proceso de toma de decisións xunto cos Estados membros, os representantes do sector e as ONG. Nesta liña, reivindicou a experiencia acumulada pola Xunta neste ámbito, un modelo de éxito sustentado na cogobernanza e colaboración co sector, que pode ser útil e moi valiosa á hora de promover unha política pesqueira máis eficiente e eficaz.

O titular de Mar aproveitou esta nova xuntanza co mandatario comunitario para reivindicar o liderado de Galicia como primeira potencia pesqueira de Europa, cunha actividade marítimo-pesqueira estratéxica xa que xera máis de 50.000 postos de traballo directos e supón arredor do 5% do Produto Interior Bruto (PIB). Trátase do terceiro encontro entre o responsable autonómico e o mandatario comunitario despois da videoconferencia celebrada en novembro, recen nomeado o chipriota, e da visita oficial xunto co presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, á capital comunitaria o pasado mes de febreiro.

Máis información: Villares aborda coa CRPM a estratexia para avanzar no level playing field no mercado pesqueiro europeo e no reforzo da soberanía alimentaria (Xunta) / Galicia impulsa coa CRPM a rexionalización da Política Pesqueira Común para que as comunidades costeiras teñan unha participación activa na toma de decisións (Xunta)

© Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data