Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »Día de Europa: Rueda reivindica o importante papel que xogaron os Fondos Europeos na construción dunha Galicia competitiva e de vangarda
— Coincidindo coa conmemoración do Día de Europa, Galicia celebra os 40 anos de financiamento da UE
— Rueda destaca que a nosa rexión terá recibido, desde 1986, un total de 36.000 millóns de euros
— Pon en valor que ese investimento permitiu acometer melloras en infraestruturas, sanidade, atención social ou emprego
— Asegura que Galicia seguirá facendo achegas leais e construtivas de cara ao futuro da Unión Europea
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o importante papel que xogaron os fondos europeos na construción dunha Galicia competitiva e de vangarda, con elevados niveis de benestar: “O cambio que tivo Galicia nestes corenta anos é moi apreciable, e é un mérito de todos. Europa non é a única explicación, pero non hai ningunha dúbida que, sen a axuda de Europa, isto sería imposible”. Así o sinalou esta mañá durante un acto no que se celebraron os 40 anos de financiamento da Unión Europea, coincidindo coa conmemoración do Día de Europa.
De feito, foi en 1986 cando empezaron a chegar os primeiros fondos á comunidade autónoma. Daquela, tal e como expuxo Rueda, Galicia era moi diferente. Durante este tempo, a Comunidade escalou 20 puntos na súa converxencia coa UE en PIB per cápita; aumentou a esperanza de vida, de 76 a 84 anos; e os intercambios comerciais co estranxeiro pasaron de supoñer o 20% a representar o 72% do PIB.
Nesa evolución influíron multitude de factores pero os fondos europeos foron unha peza fundamental: de feito, durante estes 40 anos, chegaron de Europa un total de 36.000 millóns de euros, segundo expuxo o presidente. E sinalou que esta transformación “conseguímola ademais sen perder a nosa identidade, sendo Galicia, e tendo unha personalidade en Europa moi recoñecible e potente. E iso foi un traballo colectivo”.
Este investimento permitiu acometer melloras en moitos ámbitos. Entre outros exemplos, Rueda citou a mellora de infraestruturas, como a Estación intermodal de Santiago; ou o avance da sanidade de vangarda, ao contribuír á adquisición dos robots cirúrxicos Da Vinci ou coa achega de fondos para o novo centro de protonterapia.
Os fondos europeos tamén se investiron, e se seguen investindo, na promoción do turismo, a través dos plans de sustentabilidade turística; na innovación, como no computador cuántico do CESGA; ou en vivenda, natureza, atención temperá ou formación para o emprego.
Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico tamén fixo fincapé no enorme esforzo de xestión que supón aterrar sobre o terreo todos este investimento e agradeceu a implicación de todas as institucións, así como do tecido social e produtivo implicado na posta en práctica de todos os proxectos. E animou a seguir polo mesmo camiño: “Hoxe somos unha terra moito máis de vangarda e innovadora que fai corenta anos. E hai que seguir traballando para seguir mellorando”.
“Facer o grande desde o pequeno”
Por último, asegurou que, tal e como fixo ata agora, Galicia seguirá facendo achegas, leais e construtivas, de cara ao futuro da Unión Europea, xa que “Igual que Europa contribuíu a facer Galicia, Galicia tamén contribuíu a facer Europa. Porque hai que facer o grande desde o pequeno”.
Neste sentido, lembrou que actualmente a Xunta está traballando en Bruxelas para que o próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP) teña en conta as necesidades da comunidade autónoma, demandando unha política de cohesión forte e, moi especialmente, unha Política Agraria Común (PAC) e Política Pesqueira Común (PPC) suficientes e que garantan todas as posibilidades de ambos sectores: “Neste momento é cando máis hai que insistir nunha Europa descentralizada e nunha Europa que lle dea ás administracións como as comunidades autónomas a capacidade para xestionar os fondos”, resaltou o presidente.
Presenza da Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa estivo presente no acto, participando activamente na celebración. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, participou nunha das mesas redondas xunto con representantes das institucións comunitarias para reflexionar sobre a transformación de Galicia desde 1986 e o impacto dos fondos europeos na nosa terra.
Pola súa banda, Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, tivo ademais a honra de participar no izado da bandeira europea xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O acto serviu tamén para dar comezo oficialmente á andaina da oficina Europe Direct Galicia, xestionada pola Fundación Galicia Europa.
Fonte: Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia