Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade »
As rexións automobilísticas impulsan unha transición xusta para o sector da automoción
— Paralelamente, o CdR lanzou a “Alianza de Rexións con industrias da Automoción”, unha rede política da que Galicia e unha das rexións fundadoras.
As principais rexións automobilísticas da UE déronse cita nun evento organizado, co apoio da Fundación Galicia Europa, polo Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI). Representantes dos entes locais e rexionais, a industria e outras partes interesadas reuníronse para compartir estratexias, recomendacións e perspectivas sobre a necesidade de acadar unha transición xusta no sector da automoción.
Galicia foi representada por Fernando Guldrís, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), quen resaltou a importancia desta industria para a nosa rexión, así como o compromiso do Goberno galego co fomento dunha mobilidade sostible, ó tempo que se respecta a transición á que ten que facer fronte o sector.
A PERSPECTIVA EUROPEA
En xullo de 2021, a Comisión Europea publicaba o paquete lexislativo “Obxectivo 55”, que ten como obxectivo impulsar de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto ós niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050.
Entre o conxunto de propostas atopábase a revisión do Regulamento polo que se establecen normas de comportamento en materia de emisións de CO2, que establece, en relación coas emisións dos turismos e vehículos lixeiros de nova fabricación, unha diminución dun 55% a partir de 2030 e dun 100 % a partir de 2035, en comparación cos niveis de 2021. Isto implica unha eliminación progresiva dos motores de combustión interna, de xeito que todos os turismos e furgonetas de nova fabricación matriculados a partir de 2035 serán de cero emisións.
A resposta rexional a esta proposta atópase no Ditame “Cara a unha transporte por estrada sen emisións: implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos e reforzo das normas de comportamento en materia de emisións de CO2”, aprobado na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) de xaneiro de 2022, no que se insta á Comisión Europea a crear “un mecanismo europeo para unha transición xusta do sector e as rexións da automoción, que debe aproveitar os fondos europeos e velar por que se aborden os retos nas rexións máis afectadas pola transformación (…)”. Tamén se deberán ter en conta as consecuencias laborais e sociais desta transición. Por todo isto, considérase preciso unha avaliación do impacto territorial e o fomento do diálogo social e multinivel, dado que os retos non serán iguais en todas as rexións automobilísticas.
Durante a sesión plenaria de xuño de 2022, o Parlamento Europeo, no proxecto de resolución lexislativa relativo á proposta de redución de emisións en turismos e furgonetas, baseándose no Ditame do CdR, apoiou a idea de que o transporte por estrada de cero emisións non se logrará sen promover unha transición xusta para a industria e as rexións automobilísticas. Tanto o Parlamento Europeo como o Consello (na súa orientación xeral de xuño de 2022), confirman a proposta da Comisión Europea de establecer o ano 2035 como data límite na que todos os novos turismos e furgonetas no mercado da Unión Europea sexan de cero emisións.
Neste contexto de transformación, o CdR vén de lanzar a Alianza de Rexións con Industrias da Automoción, da que Galicia é unha das rexións fundadoras. Nesta rede política de rexións, Galicia desempeñará un papel de relevancia na consecución dunha transición xusta para as rexións automobilísticas.
A PERSPECTIVA GALEGA
O 25% dos automóbiles fabricados en España provén de Galicia, na súa maioría da planta do grupo automobilístico Stellantis, localizada en Vigo. En 2021, a pesar da crise sanitaria e de subministración, o sector facturou máis de 11 millóns de euros en España e preto de 8 000 millóns de euros no exterior, rexistrando así un dato histórico en relación coas exportacións.
Dada a importancia desta industria, tanto para a nosa rexión como para o conxunto do país, o Goberno galego busca reforzar a súa competitividade tendo en conta a transición á que ten que facer fronte o sector da automoción. Resulta esencial o impulso á mobilidade sostible, un dos principais eixes, por exemplo, da Axenda Enerxética de Galicia 2030. Este documento estratéxico prevé, entre 2022 e 2024, un investimento de 145 millóns de euros para impulsar o vehículo eléctrico, o corredor verde do norte peninsular e a transformación das flotas de transporte. Tamén existe un apoio a proxectos estratéxicos de Stellantis, do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e, en xeral, de toda a industria que estea involucrada no sector, directa ou indirectamente, para axudalos a captar fondos europeos aliñados cos seus obxectivos.
Ademais, considérase que o acceso ós fondos europeos supón unha garantía de futuro para a industria das rexións automobilísticas, especialmente nunha período de transición como o actual. Debido a isto, avógase por un reparto descentralizado, transparente e áxil dos fondos enmarcados nos Plans nacionais de Recuperación e Resiliencia.
CONTEXTO
En Galicia, o sector da automoción representa preto do 13% do seu PIB e emprega a máis de 20 000 persoas. Debido á importancia que ten na nosa Comunidade, Galicia forma parte, dende a súa creación en 2009, do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI). Trátase dunha rede informal formada por rexións con intereses específicos no sector automobilístico que promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.
En outubro de 2019, a FGE formou parte da organización do Cumio sobre Mobilidade Autónoma, contando coa intervención do vicepresidente primeiro, quen remarcou a posición vantaxosa de Galicia ante os novos retos derivados da condución autónoma. Tamén participou o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), presentando un proxecto específico sobre mobilidade autónoma. Dende aquel entón, leváronse a cabo diferentes eventos, subliñado a necesidade no sector de traballadores cualificados, o papel das rexións automobilísticas na consecución da transición verde ou o futuro dos combustibles alternativos.
MÁIS INFORMACIÓN
Páxina web do CoRAI: presentacións e vídeos das intervencións
