• A oficina de representación de Galicia en Bruxelas preparou as reunións con altos cargos europeos que mantiveron estes días os representantes galegos, entre eles dous membros do goberno e catro directores xerais.
  • A FGE tamén organizou un seminario sobre a próxima política europea de cohesión no que participaron 400 persoas e coordinou outros tres actos con participación galega. 
  • 20 técnicos da administración galega e de entidades sen ánimo de lucro asistiron á Semana Europea das Rexións e das Cidades da man da FGE.
Bruxelas, 11 de outubro de 2019. A Fundación Galicia Europa (FGE) realizou esta semana un intenso labor de organización e acompañamento ao facerse cargo de ata oito axendas de representantes da Xunta de Galicia e outras entidades galegas -públicas e privadas- nun contexto marcado pola celebración da Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC 2019, nas súas siglas en inglés) na capital europea.
De cara á primeira visita oficial do martes 8, a Fundación deseñou unha axenda de traballo para o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O obxectivo da comitiva da Xunta foi defender en Bruxelas os intereses galegos no marco das actuais negociacións do orzamento comunitario para o período 2021-2027. O vicepresidente da Xunta mantivo un encontro co director xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Marc Lemaître, no que solicitou que se habiliten mecanismos para que as rexións que descenden de categoría de rexión non poidan ver reducidas as súas asignacións, algo que iría en contra do espírito da política de cohesión. 
Posteriormente, o vicepresidente autonómico foi o encargado de inaugurar o seminario da FGE na EWRC 2019 sobre a futura política europea de cohesión e as distintas actuacións que se deberían abordar con estes fondos nun posible marco de restrición orzamentaria. Este evento, ao que acudiron uns 400 asistentes, contou coa participación como relator do director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta, xunto a dous membros da Comisión Europea e a vicepresidenta da Rexión Norte de Portugal, Ester Silva.
Por outra banda, a FGE asistiu ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, durante a súa participación na 136ª sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se aprobou un ditame sobre a reestruturación socioeconómica progresiva das rexións carboníferas de Europa, incluídas aquelas que, como Galicia, xeran electricidade a partir do carbón. Ademais aprobouse unha emenda do goberno galego a unha resolución do Comité, a cal solicita que as rexións que baixen de categoría no novo orzamento a longo prazo da UE non vexan reducida a súa asignación de fondos.
No caso da visita o mércores 9, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a FGE planificou unha serie de reunións durante toda a xornada para abordar a futura estratexia industrial europea, a posible revisión dos diferentes marcos normativos de axudas de Estado e o proceso de transición cara unha economía hipocarbónica que lidera a UE. Así, reuniuse con representantes da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes, da Dirección Xeral de Competencia e da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea, acompañado polo director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes, e pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
 
Xa pola tarde, o conselleiro saudou ao actual comisario de Política de Veciñanza, Johannes Hahn, no espazo expositivo de proxectos do I Cumio sobre o Futuro da Mobilidade Autónoma organizado pola FGE e outras oficinas de representación rexional europeas con intereses no sector automobilístico, a través do Grupo Interrexional do Automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI). O titular de Economía da Xunta completou a súa visita oficial en Bruxelas cunha intervención no debate político que pechou este cumio sobre mobilidade autónoma.
Pola súa parte, a directora de GAIN, Patricia Argerey, mantivo reunións cos conselleiros de Investigación da Representación Permanente de España ante a UE e coa Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea, e interveu nun seminario organizado por GAIN na EWRC 2019 para explicar dous proxectos de innovación dixital destinados ás pemes europeas do sector industrial. En relación coa axenda do director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes, a FGE concertou unhas reunións con membros da Comisión Europea sobre a posta en marcha de instrumentos financeiros a cargo dos fondos estruturais. 
Mobilidade autónoma e Crecemento Azul 
A Fundación Galicia Europa tamén asistiu ás delegacións de dúas importantes entidades económicas do sur de Galicia: a Autoridade Portuaria de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).  O martes 8 de outubro, o director da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, explicou a Estratexia de Crecemento Azul levada a cabo polo porto vigués desde o ano 2016 no marco da EWRC. De forma complementaria, e acompañado pola FGE, reuniuse na Comisión Europa con responsables en materia de política da competencia, transporte, medioambiente e pesca, así como co Banco Europeo de Investimentos (BEI). 
Pola súa parte, a axenda deseñada pola Fundación Galicia Europa para a delegación do CTAG incliu a colaboración na montaxe do stand de exhibición do proxecto SISCOGA e a asistencia aos membros do CTAG durante I Cumio sobre o Futuro da Mobilidade Autónoma do mércores 9 de outubro. Ademáis concertou dous encontros con responsables da Comisión Europea en materia da I+D+i, aos que acudiu o seu director. 
Técnicos galegos participantes no programa TecEuropa
Nesta oitava edición do programa TecEuropa de especialización en financiamento europeo, os 20 técnicos galegos beneficiarios puideron asistir á Semana Europea das Rexións e das Cidades 2019 da man da Fundación Galicia Europa. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou o pasado luns 7 na sede da FGE esta nova edición do programa formativo, dándolle a benvida aos técnicos de entidades galegas -públicas e privadas- que participan nesta convocatoria. 
Nunha edición especial de TecEuropa, a Fundación facilitou a participación dos técnicos galegos no maior evento europeo sobre política rexional e urbana para que entrasen en contacto con asuntos prioritarios na axenda europea e coincidiran con administracións e entidades doutras rexións de Europa que xestionan os mesmos fondos e desenvolven proxectos similares. O xoves 10 de outubro, os 20 participantes de TecEuropa acudiron ás oficinas da FGE para participar nunha sesión de conclusións finais e experiencias aprendidas; entre as cales, subliñaron a aprendizaxe de novos conceptos, o coñecemento sobre a procedencia dos fondos comunitarios, ferramentas interactivas de presentación de contidos ou o estado actual das negociacións do novo marco financeiro europeo para o período 2021-2027. Tras valorar positivamente a experiencia desta edición novidosa de TecEuropa, a Fundación Galicia Europa despediu aos técnicos galegos coa clásica fotografía de familia.