Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Competitividade »
Unha alianza rexional para promover a transición xusta da automoción
— O CdR lanzou a “Alianza de Rexións con industrias da Automoción”, unha rede política da que Galicia e unha das rexións fundadoras e na que axudará a fomentar unha transición xusta para as rexións automobilísticas.
— A Alianza reivindica cuestións como a capacitación de traballadores ou a creación dun mecanismo europeo que leve asociado un orzamento específico.
O Comité Europeo das Rexións (CdR) vén de lanzar a Alianza de Rexións con Industrias da Automoción, da que Galicia é unha das rexións fundadoras. Polo de agora, a Alianza está formada por máis de 20 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e Países Baixos. Nesta rede política de rexións, Galicia desempeñará un papel de relevancia en prol dunha transición xusta para as rexións automobilísticas.
O obxectivo principal desta Alianza é impulsar un proceso similar ó que xa se levou a cabo coas rexións consideradas en transición pola UE (é dicir, aquelas rexións dependentes de determinados combustibles fósiles e rexións intensivas en carbono). Estes territorios contan cunha Plataforma específica de Transición Xusta, que proporciona asesoramento técnico e fomenta o intercambio de boas prácticas, e cun Mecanismo de Transición Xusta, formado por tres piares de financiamento, entre os que destaca o Fondo de Transición Xusta (FTX), do que Galicia é beneficiario.
Como punto de partida, aprobouse a “Declaración para unha transición xusta, equitativa e satisfactoria”, un decálogo no que se expoñen reivindicacións vitais, como a capacitación de traballadores ou a creación dun mecanismo europeo que leve asociado un orzamento específico. Só así se poderá garantir que “ningunha rexión se quede atrás”.
OBXECTIVOS
- Establecer un mecanismo europeo que apoie unha transición xusta, equitativa e satisfactoria para as rexións europeas con industria e provedores de automoción, en particular mediante liñas orzamentarias específicas e adicionais nos distintos programas e fondos europeos.
- Levar a cabo unha avaliación do impacto territorial, a escala rexional, das consecuencias da transformación no sector do automóbil.
- Abordar os retos e as oportunidades comúns para as rexións e as pemes en relación co sector da cadea de subministro do automóbil.
- Apoiar a reciclaxe e perfeccionamento profesional da man de obra rexional, en cooperación coa Alianza de capacidades do sector automobilístico.
- Seguir desenrolando un marco de investigación para a transformación industrial e a innovación na industria automobilística europea, aumentando a resiliencia da cadea de subministro de materias primas fundamentais e estratéxicas.
- Ofrecer flexibilidade nas directrices sobre axudas estatais e preverse medidas de apoio para que os entes locais e rexionais aceleren a adopción de tecnoloxías innovadoras a través da contratación pública.
- Apoiar ás rexións no despregamento de estacións de reposición e recarga de acceso público para promover o uso de vehículos eléctricos e de vehículos que empreguen combustibles alternativos.
- Concentrar o investimento público e privado dispoñible nas distintas solucións tecnolóxicas (electrificación, hidróxeno, combustibles sintéticos…) para garantir a competitividade e a innovación da industria automobilística europea.
- Establecer un enfoque de gobernanza multinivel e de asociación para esta transición con vistas a unha planificación política, unha acción orzamentaria e un diálogo eficaz con todas as partes interesadas e as autoridades públicas a todos os niveis, incluída a Comisión Europea, o Consello e o Parlamento Europeo.
- Apoiar a Alianza como principal plataforma aberta para a coordinación das rexións automobilísticas, de modo que poidan colaborar a nivel rexional, nacional e europeo, e en estreita cooperación coas iniciativas existentes.
CONTEXTO
En xullo de 2021, a Comisión Europea publicaba o paquete lexislativo “Obxectivo 55”, que ten como obxectivo impulsar de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto ós niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050.
Entre o conxunto de propostas atopábase a revisión do Regulamento polo que se establecen normas de comportamento en materia de emisións de CO2, que establece, en relación coas emisións dos turismos e vehículos lixeiros de nova fabricación, unha diminución dun 55% a partir de 2030 e dun 100 % a partir de 2035, en comparación cos niveis de 2021. Isto implica unha eliminación progresiva dos motores de combustión interna, de xeito que todos os turismos e furgonetas de nova fabricación matriculados a partir de 2035 serán de cero emisións.
A resposta rexional a esta proposta atópase no Ditame “Cara a unha transporte por estrada sen emisións: implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos e reforzo das normas de comportamento en materia de emisións de CO2”, aprobado na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) de xaneiro de 2022, no que se insta a Comisión Europea a crear “un mecanismo europeo para unha transición xusta do sector e as rexións da automoción, que debe aproveitar os fondos europeos e velar por que se aborden os retos nas rexións máis afectadas pola transformación (…)”. Tamén se deberán ter en conta as consecuencias laborais e sociais desta transición. Por todo isto, considérase preciso unha avaliación do impacto territorial e o fomento do diálogo social e multinivel, dado que os retos non serán iguais en todas as rexións automobilísticas.
Durante a sesión plenaria de xuño de 2022, o Parlamento Europeo, no proxecto de resolución lexislativa relativo á proposta de redución de emisións en turismos e furgonetas, baseándose no Ditame do CdR, apoiou a idea de que o transporte por estrada de cero emisións non se logrará sen promover unha transición xusta para a industria e as rexións automobilísticas. Tanto o Parlamento Europeo como o Consello (na súa orientación xeral de xuño de 2022), confirman a proposta da Comisión Europea de establecer o ano 2035 como data límite na que todos os novos turismos e furgonetas no mercado da Unión Europea sexan de cero emisións.
A industria do automóbil representa o 7% do PIB comunitario e emprega a máis de 14 millóns de traballadores, o que representa o 6,1% do emprego total da UE.
MÁIS INFORMACIÓN
Páxina web da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción
