• O CoRAI promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.  
  • Durante o evento, compartíronse recomendacións e perspectivas sobre a mobilidade eléctrica, o hidróxeno, os vehículos híbridos e as baterías.  
  • Unha descarbonización con éxito do transporte requirirá que as institucións europeas, os Estados membros, a industria e as rexións acorden directrices comúns para facilitar o cambio a modos de produción máis verdes e circulares
 

Bruxelas, 10 de xuño de 2021-  As principais rexións automobilísticas da UE veñen de darse cita nun evento organizado polo Grupo Interrexional sobre o futuro da industria do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI) Baixo o título “Alimentando o cambio climático? As rexións automobilísticas asumen o reto da sostibilidade”, e co apoio da FGE, reuniu a representantes dos entes locais e rexionais, a industria e a outras partes interesadas, que compartiron recomendacións e perspectivas sobre mobilidade eléctrica, o hidróxeno, os vehículos híbridos e as baterías.

A perspectiva europea

A descarbonización do transporte presenta importantes desafíos e, mesmo se a pandemia supuxo un duro golpe para o sector automobilístico europeo -un 20% menos de ventas, case 100 000 postos de traballo perdidos e alteracións nas cadeas de subministración- tamén acelerou a tendencia cara á neutralidade climática da industria. En 2020, vendéronse en Europa máis dun millón de vehículos eléctricos e, no último trimestre do ano, un de cada seis vehículos de pasaxeiros rexistrado na UE era eléctrico. Unha tendencia que se acelera, pero que necesita coller aínda máis velocidade para chegar á redución en 2050 do 90% das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas por este sector, posto que é preciso lembrar que o transporte por estrada é o responsable da quinta parte das emisións totais da UE.

A automoción, ó considerarse un sector estratéxico, está sendo obxecto de múltiples medidas para afrontar o reto da transición ecolóxica:

  • Alianzas industriais, que aceleran o desenvolvemento de novas actividades e atraen o investimento privado. Un bo exemplo disto é a alianza das baterías presentada en 2017. En 2020 presentáronse as alianzas europeas para o hidróxeno limpo e para as materias primas e a actualización da Estratexia industrial europea sinala que a Comisión Europea apoiará novas alianzas industriais en sectores estratéxicos como o dos procesadores e os semiconductores.  
  • Proxectos importantes de interese común europeo (IPCEI, polas súas siglas en inglés), de carácter transnacional e de importancia estratéxica para a UE. Estes abordan deficiencias do mercado e determinados retos sociais europeos, polo que desfrutan dunha flexibilidade especial dentro do marco normativo de axudas estais. Destacan os IPCEI que apoian a investigación e innovación na cadea de valor das baterías e o hidróxeno verde. 
  • Financiamento específico, mediante iniciativas como: 
    • O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que entrou en vigor o pasado febreiro para apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros, alí onde as necesidades derivadas do impacto da crise sexan maiores. Para acceder ó financiamento do MRR – 672 500 millóns de euros, dos cales 360 mil millóns correspóndense con préstamos e 312 500 millóns con subvencións – os Estados membros terán que elaborar Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia nos que expoñan o seu programa de reformas e investimentos para o período 2021-2023. Cada Plan debe incluír un nivel mínimo do 37% de gasto no eido climático, polo que moitos Estados membros prestaron especial atención ás necesidades do sector da automoción e a toda a cadea de valor que o acompaña. 
    • Diferentes instrumentos da política de cohesión, como o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou o Mecanismo de Transición Xusta, que poderán apoiar actividades relacionadas coa mellora de capacidades e reciclaxe profesional de traballadores, así como despregamento de tecnoloxías e infraestruturas para unha enerxía limpa accesible, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Tamén se financiarán investimentos en mobilidade sostible. 
  • Revisión da directiva relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos de 2014, que irá acompañada dun plan de acción para apoiar o despregamento de infraestrutura de recarga. 
  • Actuacións específicas para reducir a dependencia de terceiros países, especialmente China, para a subministración de materias primas esenciais como son o litio, o platino ou a silicona.

A perspectiva das rexións, a industria e outras partes interesadas

Discutíronse os avances das rexións na produción do hidróxeno, a súa aplicación no transporte e os desafíos que a industria está a atopar no despregamento desta nova tecnoloxía. Eduardo Rivero, representando ó Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), xustificou a electrificación da industria do automóbil arredor do hidróxeno no canto da batería por diferentes razóns. Segundo explicou, mentres a batería presenta inconvenientes polos materiais e os procesos necesarios para a súa fabricación, o hidróxeno ten vantaxes clave como o peso, o tempo de carga ou o rendemento a baixas temperaturas. Porén, a maior traba do hidróxeno na actualidade é a baixa madurez na súa eficiencia tecnolóxica, polo que a súa aplicación no sector dependerá dos esforzos de investigación e investimento que se realicen nos próximos anos. Ademais, recalcou que a penetración desta tecnoloxía no mercado só será posible se aumenta a infraestrutura de recarga.

No que respecta ás baterías, cabe sinalar que os prezos descenderon nas últimas décadas e agárdase que esta tendencia siga no futuro. A industria deberá investir en intelixencia artificial así como actualizar as competencias dos seus traballadores, xa que o desenvolvemento das baterías está vinculado coa informática e a electrotécnica.

Moitos expertos, porén, defenden o vehículo hibrido, dada a súa madurez tecnolóxica, como a mellor opción que existe hoxe en día para facilitar unha transición ecolóxica que chegue a todos. Así, por exemplo, o rural non podería depender do transporte eléctrico na actualidade, pois nin sequera en moitos entornos urbanos existe a suficiente infraestrutura para
permitilo.

CONTEXTO

En Galicia, o sector da automoción representa máis do 13% do seu PIB e emprega a máis de 40 000 persoas. Debido á importancia que ten na nosa Comunidade, Galicia forma parte, dende a súa creación en 2009, do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI). Trátase dunha rede informal formada por rexións con intereses específicos no sector automobilístico que promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.

En outubro de 2019, a FGE formou parte da organización do I Cumio sobre Mobilidade Autónoma, contando coa intervención do Vicepresidente segundo, quen remarcou a posición vantaxosa de Galicia ante os novos retos derivados da condución autónoma. Tamén participou o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), presentando un proxecto específico sobre mobilidade autónoma. Xa en 2020, o CoRAI organizou un evento en liña sobre o papel das rexións automobilísticas na consecución da transición verde.  

 

MÁIS INFORMACIÓN

Páxina web do CoRAI: presentacións e vídeos das
intervencións