Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural »Galicia reclama en Bruxelas financiamento suficiente, estabilidade e seguridade para a futura PAC tras 2028
— A conselleira do Medio Rural interveu na capital comunitaria dentro do evento da Coalición Agriregions, na sede do Comité das Rexións da UE
— María José Gómez reitera a preocupación de Galicia diante da “falta de concreción orzamentaria” da proposta para o período 2028-2034 e lembra que a PAC non é só unha política de apoio á produción, senón tamén de cohesión territorial
— Marca cinco prioridades para facer fronte aos retos que se presentan e sobre os que Galicia xa vén traballando: a remuda xeracional; a mobilización e o acceso á terra; o mantemento da poboación; a sustentabilidade; e a competitividade e rendibilidade
Bruxelas, 17 de novembro de 2026. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou hoxe en Bruxelas “financiamento suficiente, estabilidade e seguridade” para a nova PAC posterior ao 2028. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización desta xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que tamén prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
A conselleira reiterou na súa exposición a preocupación de Galicia diante da “falta de concreción orzamentaria” da proposta para o período 2028-2034 e lembrou que a PAC non é só unha política de apoio á produción, senón tamén de cohesión territorial, desenvolvemento rural sustentabilidade ambiental e fixación de poboación nas aldeas.
Nesta liña, marcou cinco prioridades a ter en conta para facer fronte aos retos que se presentan e sobre os que, remarcou, Galicia xa vén traballando. En primeiro lugar, a remuda xeracional, na que cómpre seguir avanzando, pero para iso precísase dunha PAC forte que garanta a continuidade destas políticas, advertiu Gómez.
Mobilización e acceso á terra
En segundo termo, a mobilización e o acceso á terra, consolidando as ferramentas existentes e explorando novas vías que permitan mobilizar máis superficie agraria e poñela a dispor de quen queira traballala. Como terceira prioridade, a conselleira fixou o mantemento da poboación no rural, e neste sentido puxo en valor o traballo realizado para que as aldeas teñan actividade, servizos e oportunidades. Indicou que é necesario que Europa acompañe este esforzo con políticas estables e financiamento que acheguen seguridade ao sector e garantan a continuidade das explotacións.
©️ European Union / Sabela Nóvoa Gómez
En cuarto lugar, a sustentabilidade e adaptación ao cambio climático, de forma que se impulsen explotacións máis eficientes, que protexan a biodiversidade e conserven os recursos naturais, pero sempre que as esixencias ambientais vaian acompañadas dos medios necesarios para poder cumprilas.
A quinta prioridade, segundo explicou Gómez, ten que ver coa competitividade e a rendibilidade, con explotacións modernas e competitivas, pero de maneira que as persoas que traballan nelas poidan vivir dignamente, porque -concluíu- “sen rendibilidade non hai continuidade e se esta non hai futuro para a o sector nin seguridade alimentaria”.
Ademais, a conselleira insistiu na necesidade de seguir facendo do rural un lugar atractivo para vivir e traballar e afirmou que “en Galicia estamos avanzando nesa dirección”, pero é preciso o compromiso de Europa. Así, manifestou que na nosa comunidade conseguiuse cambiar a percepción do medio rural, de xeito que non se ve xa unicamente como un lugar do que marchar, senón tamén como un espazo ao que chegar. Agora, engadiu, non podemos permitir que todos estes avances se vexan comprometidos por unha redución do financiamento europeo destinado ao desenvolvemento rural. “Sería un paso atrás”, aseverou.
Revisión dos criterios de reparto das axudas
Ao tempo, a conselleira tamén avogou por unha revisión da forma en que se distribúen as axudas da PAC, cun reforzo ás pequenas e medianas explotacións, á agricultura familiar, ás mulleres e á mocidade agricultora. Explicou, nesta liña, que a contribución dunha explotación ao territorio non se mide unicamente polo seu tamaño, volume de negocio ou volume de produción. Asemade, Gómez defendeu unha futura PAC que recoñeza as particularidades de cada territorio, algo que no caso galego ten que contemplar características coma o peso moi importante do vacún de leite e de carne, unha ampla superficie de pastos ou unha produción significativa de cultivos forraxeiros.
©️ European Union / Sabela Nóvoa Gómez
Por último, neste mesmo sentido, a conselleira reivindicou a experiencia das rexións, que segundo dixo “debe terse en conta”, e que a PAC responda ao que o seu nome significa, é dicir, que sexa unha política realmente “común”, porque se cada Estado membro ou cada rexión acaba financiando as súas propias políticas en función da súa capacidade económica, a PAC perderá boa parte da súa razón de ser e aumentarán as desigualdades entre territorios.
Coalición Agriregions
A Coalición Agriregions reúne 23 territorios de sete Estados membros da Unión Europea -entre eles Galicia-, que representan máis do 25 % da superficie agraria utilizada da UE. Desde a súa creación en 2018, traballa para impulsar unha agricultura europea máis xusta, sostible e resiliente, defendendo unha Política Agraria Común forte e unha participación activa das rexións no seu deseño e aplicación.
Máis información: Xunta de Galicia
Podes ver a intervenciónn da Conselleira neste enlace.
©️ European Union / Sabela Nóvoa Gómez