Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Obxectivo 55: un paso intermedio para acadar a neutralidade climática

Obxectivo 55: un paso intermedio para acadar a neutralidade climática

15/09/2021 | , ,

  • “Obxectivo 55” establece nova lexislación e revisa os instrumentos europeos pertinentes para acadar, en 2030, unha redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto ós niveis de 1990.
  • Adapta as políticas da UE en materia de clima, enerxía, transporte e fiscalidade.
  • Este conxunto de propostas terá repercusións específicas na industria, fogares e consumidores galegos.

Bruxelas, 15 de setembro de 2021- A Comisión Europea vén de sacar á luz o paquete lexislativo “Obxectivo 55” (Fitfor55), que ten como obxectivo impulsar de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Este obxectivo intermedio, que se incrementou en 15 puntos porcentuais grazas á ambición da Lei do Clima Europea, fixo necesario revisar os instrumentos pertinentes para cumprir coas reducións adicionais de emisións, para así adaptar as políticas da UE en materia de clima, enerxía, transporte e fiscalidade.

PROPOSTAS

  1. CLIMA
  • Proposta de Regulamento polo que se establece un Mecanismo de axuste en fronteira por emisións de carbono (CBAM): igualará o prezo de carbono dos produtos nacionais e importados, ó tempo que garante que os obxectivos climáticos da UE non se ven contrarrestados polo traslado da produción a países con políticas menos ambiciosas. Así, os importadores da UE comprarán certificados de carbono correspondentes ó prezo do carbono que se tería pagado se os bens se tivesen producido con arranxo ás normas para tarifar o carbono da UE. Existirá unha fase transitoria entre 2023 e 2025, coa idea de que o sistema estea plenamente operativo en 2026. Ademais, en tanto que potencial recurso propio da UE, os ingresos procedentes do CBAM contribuirán ó orzamento da UE.
  • Revisión da Directiva pola que se establece un Réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (ETS): a Comisión Europea propón reducir as emisións dos sectores cubertos (xeración de electricidade e calor e instalacións industriais con gran consumo de enerxía) nun 61% en comparación cos niveis de 2005. Tamén propón a súa extensión ó sector marítimo, eliminar gradualmente os dereitos de emisión gratuítos para a aviación, así como establecer un novo ETS independente para o sector do transporte por estrada e o sector da construción (edificios). 

Ante o risco de que as empresas deste dous sectores repercutan este novo custo nos consumidores finais e para que isto non afecte ós fogares e consumidores máis desfavorecidos, a Comisión Europea propón un Regulamento polo que se establece un Fondo Social para o Clima:

    • Contará cun orzamento de 72 200 millóns de euros para o período 2025-2032, dividido en asignacións nacionais. No suposto español, esta asignación será de case 7 600 millóns de euros para o período 2025-2032. 
    • A dotación do Fondo debería corresponder, en principio, ó 25% dos ingresos derivados da poxa dos dereitos de emisión dos edificios e do transporte por estrada.
    • Cada Estado membro deberá elaborar un Plan Social para o Clima, que deberá ser presentado xunto coas actualizacións dos Plans Nacionais de Enerxía e Clima a máis tardar en xuño de 2024 para ser avaliado e aprobado pola Comisión Europea. Os pagos das asignacións financeiras de cada Estado membro (non máis de dous ó ano) realizaranse unha vez que se completen os obxectivos indicados nos Plans Sociais.
  • Revisión do Regulamento de reparto do esforzoseguirá fortalecendo os obxectivos asignados a cada Estado membro (baseados no PIB per cápita) en termos de redución de emisións ata 2030 nos seguintes sectores: agricultura, residuos, edificios e  transporte por estrada e marítimo. Para iso, deberase lograr unha redución a escala da UE do 40 % das emisións destes sectores de aquí a 2030, en comparación cos niveis de 2005.
  • Revisión do Regulamento sobre o uso da terra, a silvicultura e a agricultura (LULUCF): para lograr unha absorción neta de 310 millóns de toneladas de CO2 para 2030 mediante os sumidoiros de carbono, a Comisión propón establecer obxectivos nacionais vinculantes relativos ás absorcións netas mínimas que deben acadarse en 2030. Paralelamente, proponse unha nova estratexia forestal da UE.
  1. ENERXÍA

O consumo de enerxía representa o 75 % das emisións da UE, polo que a transformación do sistema enerxético é fundamental para alcanzar as ambicións climáticas da UE:

  • Revisión da Directiva sobre fontes de enerxías renovablespropón elevar o obxectivo europeo do actual 32% a un 40%, o que terá un carácter vinculante. Céntrase nos sectores nos que o progreso na integración das enerxías renovables foi máis lento ata a data, como o transporte, a construción e a industria. A proposta tamén apoia o impulso do hidróxeno renovable onde a electrificación é máis difícil.
  • Revisión da Directiva relativa á eficiencia enerxéticaesixe ós Estados membros que garantan colectivamente unha redución de polo menos un 9% no consumo de enerxía en 2030, tendo en conta as proxeccións de consumo de 2020 e non as de 2007, como a anterior directiva. Isto equivale a obxectivos de eficiencia enerxética dun 39% e dun 36% en relación co consumo de enerxía primaria e enerxía final, respectivamente. Tamén contén medidas específicas relativas ó sector público, que representa o 5% do consumo final de enerxía da UE.
  1. TRANSPORTE

O transporte representa case unha cuarta parte das emisións de gases de efecto invernadoiro da UE e considérase a principal causa de contaminación atmosférica nas cidades. Será necesaria unha redución do 90 % das emisións de transporte ata 2050, en comparación  cos niveis de 1990, para acadar a neutralidade climática.

  • Revisión do Regulamento relativo ás emisións de turismos e furgonetasproponse que que as emisións dos vehículos novos diminúan un 55 % a partir de 2030 e un 100 % a partir de 2035, en comparación cos niveis de 2021. Consecuentemente, todos os vehículos novos matriculados a partir de 2035 serán de cero emisións.
  • Proposta de Regulamento sobre o despregamento dunha infraestrutura para combustibles alternativosesixirá ós Estados membros que amplíen a capacidade de carga en consonancia coa venda de vehículos de cero emisións e que instalen puntos de recarga e de reposición a intervalos regulares nas principais autoestradas (especificamente cada 60 km para a recarga eléctrica e cada 150 km para a reposición de hidróxeno).
  • Outros:
  1. FISCALIDADE
  • Revisión da Directiva sobre fiscalidade da enerxíaproponse harmonizar os tipos impositivos mínimos para os combustibles de calefacción e transporte cos obxectivos climáticos e ambientais da UE, mitigando ó mesmo tempo o impacto social. As novas normas deberán eliminar os tipos reducidos que actualmente fomentan o uso de combustibles fósiles. 

PRÓXIMOS PASOS

As propostas de “Obxectivo 55” seguirán o percorrido típico do proceso lexislativo ordinario, debendo ser aprobadas por Parlamento Europeo e Consello da UE tras as modificacións pertinentes aportadas por ambas as dúas institucións.

Paralelamente, os Estados membros deberán adaptar ós seus Plans nacionais de Enerxía e Clima ós novos obxectivos marcados polas propostas deste paquete lexislativo. A primeira actualización, despois da presentación dos Plans ante a Comisión Europea en 2019, deberá levarse a cabo necesariamente antes de que remate 2024.

CONTEXTO

En decembro de 2019 lanzouse o Pacto Verde Europeo, co que se establece “unha nova estratexia de crecemento destinada a transformar a UE nunha sociedade equitativa e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso de recursos e competitiva, na que non haberá emisións de gases de efecto invernadoiro en 2050 e o crecemento económico estará disociado do uso de recursos 

Este obxectivo, que adquire un carácter vinculante, require unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro do 55% de aquí a 2030, segundo o referendado polo Consello Europeo de decembro de 2020 e o establecido na Lei do Clima Europea, que entrou en vigor en xullo de 2021.Isto fixa o marco de actuación dos próximos anos para reducir as emisións, o cal deberá aplicarse a través de lexislación específica (nova ou revisada) que abarque ámbitos como as enerxías renovables, o comercio dos dereitos de emisión, a fiscalidade da enerxía ou as emisións de turismos, tal e como fai “Obxectivo 55”.

 

MÁIS INFORMACIÓN

  • Comunicación da Comisión“Obxectivo 55”: cumprimento do obxectivo climático da UE para 2030 no camiño cara a neutralidade climática

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data