Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

A Fundación Galicia Europa clausura a décimo sexta edición de TecEuropa

13/05/2022 |

 

— Máis de 150 persoas inscribíronse nesta edición do curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”. 

 

— Ao longo de catro xornadas, os asistentes coñeceron de preto as políticas europeas que guían a execución dos fondos europeos e as distintas fontes de financiamento existentes.

 

Bruxelas, de 13 de maio de 2022.– A directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, clausurou esta mañá a décimo sexta edición do curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, sendo a sétima nun formato completamente virtual e a primeira que se desenvolve en 2022. É tamén a que máis éxito de asistencia rexistrou con máis de 150 inscritos, contando cunha participación equilibrada entre entidades públicas, empresas e entidades do terceiro sector. 

Na primeira sesión, funcionarios da Comisión Europea explicaron a estratexia europea para acadar a neutralidade climática en 2015 (Pacto Verde Europeo) e a axenda de transformación dixital como os dous grandes procesos de transición que está a liderar a UE e que están na base de todo o financiamento comunitario. Na segunda sesión, a Comisión Europea explicou a política rexional, que acapara case un terzo do orzamento europeo e investiu xa en Galicia máis de 20.000 millóns de euros, e o programa de I+D+i “Horizonte Europa”, o programa de xestión centralizada con maior dotación financeira no período 21-27 e que conta agora con preto de 180 convocatorias abertas.

Durante as dúas sesións celebradas esta semana, os asistentes abordaron os aspectos prácticos do financiamento comunitario, ademais de coñecer na práctica como se está a executar en España o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, financiado a cargo do instrumento “Next Generation UE” e que conta actualmente con 4.500 convocatorias abertas .

 

Próxima edición en novembro

Con este curso, a FGE dá cumprimento ao compromiso adquirido na última reunión do seu padroado de continuar facilitando ás entidades galegas o acceso ao financiamento europeo a través da celebración de dúas edicións de TecEuropa en 2022. A seguinte celebrarase entre o 16 e o 25 de novembro.

Desde a súa posta en marcha en 2015, TecEuropa contribuíu a mellorar o coñecemento  das entidades galegas respecto do financiamento comunitario e propiciou a creación dunha rede de técnicos especialistas nesta materia en Galicia. Este programa conta cunha participación moi variada que vencella diversas experiencias profesionais e puntos de vista sobre o uso dos fondos europeos en Galicia: entes locais, entidades sociais, as deputacións, as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, clusters, empresas…

Case 300 profesionais participaron nas edicións presenciais celebradas entre 2015 e 2020 e máis de 400 nas cinco edicións virtuais celebradas o pasado ano, das que tres ían destinadas a un público específico: entidades locais, empresas e ONG do eido da Cooperación ao Desenvolvemento.

 

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é o ente instrumental do sector público autonómico galego que ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. O labor da FGE xira en torno a dous grandes obxectivos: unha mellor comunicación da actividade comunitaria en Galicia e a defensa das posicións galegas no contexto europeo.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data