Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade »A Xunta defende en Estrasburgo a necesidade de que os fondos europeos para a industria sigan sendo xestionados polas rexións
— O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA)
— Nicolás Vázquez sinalou que, no caso de España, os programas que tiveron unha xestión centralizada lograron un nivel de execución e un grao de cumprimento de obxectivos moi por debaixo dos obtidos por parte dos que foron xestionados directamente polas comunidades autónomas
— Para o sector da automoción, o secretario xeral ve urxente medidas como flexibilizar as normativas e os obxectivos establecidos, e que se considere a posibilidade de que non se establezan os mesmos requirimentos para todos os segmentos de vehículos, en especial, para aqueles de menor tamaño
Estrasburgo (Francia), 17 de xuño de 2025. O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA), onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións.
No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión para que as rexións poidan participar na súa planificación e execución, tal e como se vén demandando ao Goberno central.
De feito, sinalou que, no caso de España, os programas que tiveron unha xestión centralizada lograron un nivel de execución e un grao de cumprimento de obxectivos moi por debaixo dos obtidos por parte dos que foron xestionados directamente polas comunidades autónomas. “Pedimos firmemente que se siga contando coas rexións”, remarcou.
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético explicou na súa intervención que isto é clave para sectores como o da automoción, para o cal reclamou a adopción de medidas urxentes en Europa que garantan unha transición xusta para esta industria.
Entre elas, considerou indispensable que se flexibilicen as normativas e os obxectivos establecidos, e que se dea a posibilidade de que non se establezan os mesmos requirimentos para todos os segmentos de vehículos, en especial, para aqueles de menor tamaño. Tamén solicitou reconsiderar a aplicación de sancións previstas en caso de non alcanzar as metas fixadas, modificar as normas das axudas de Estado para ampliar as posibilidades de apoio, así como a simplificación das tramitacións que teñan que levar a cabo os proxectos que se vaian implantar na Unión Europea.
Segundo recalcou, estas medidas son moi necesarias non só para contribuír á transformación do sector, senón para que as empresas poidan competir coas de terceiros países nun escenario tan complexo como o actual, “onde está en risco a propia supervivencia desta industria se non se actúa de forma contundente”, concluíu.
Contexto
En Galicia, a industria do automóbil representa preto do 14% do seu PIB e emprega a máis de 25 000 persoas, o que se corresponde con case o 14% de todo o seu emprego industrial. A nivel Europeo, esta representa o 7% do PIB comunitario e emprega a máis de 14 millóns de traballadores, o que equivale a un 6,1% do emprego total da UE.
A importancia deste sector para a nosa rexión, xunto co momento de transformación que este está vivindo —terá que asumir grandes cambios nun período moi curto de tempo— motivan que a FGE forme parte de dous foros rexionais auspiciados polo Comité Europeo das Rexións (CdR), nos cales se impulsan todas aquelas iniciativas que fomentan unha transición xusta para as rexións automobilísticas europeas, en colaboración coas institucións europeas e outras partes interesadas. Fálase aquí do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil (CoRAI), do que Galicia forma parte dende a súa creación no 2009, e da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), oficialmente lanzada en xuño de 2022.
ARA está formada por 39 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e República Checa. O seu obxectivo principal é impulsar un proceso similar ó que xa se levou a cabo coas rexións consideradas en transición pola UE (é dicir, aquelas rexións dependentes de determinados combustibles fósiles e rexións intensivas en carbono) para así acadar apoio financeiro para a transición do sector.
Máis información: A Xunta defende en Estrasburgo a necesidade de que os Fondos Europeos para a industria sigan sendo xestionados polas rexións (Xunta)

© Xunta de Galicia