IV. Formación e sensibilización sobre a realidade europea
Nos seus máis de 30 anos de existencia, máis de 500 persoas tiveron a oportunidade de coñecer de preto a UE a través das súas bolsas de formación. Ademais, a FGE organiza en Galicia todo tipo de actos para explicar a Unión Europea aos galegos. VOLVER Á PÁXINA PRINCIPAL1. Bolseiros FGE
➤ No mes de maio publicáronse as dúas convocatorias de bolsas FGE 2023: a xeral, con catro prazas, e a publicada en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, cunha praza de especialización en I+D+i. Máis de 70 candidatos optaron ás cinco bolsas, competindo nun proceso selectivo que se prolongou ata xullo, mes no que finalizaron as prácticas os bolseiros da convocatoria anterior. Como resultado do proceso, un mozo e catro mozas incorporáronse en setembro para realizar 11 meses de prácticas remuneradas na oficina da FGE en Bruxelas.

De esquerda a dereita: Vanessa Lobo, Coordinadora técnica de políticas europeas da FGE; Lorena Pena Baldomir, bolseira de administración 2023-24, Anxo Rodas Arca, bolseiro de políticas europeas 2023-24, Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Inés González Piñeiro, bolseira de políticas europeas 2023-24; Selene García Torreiro, bolseira de comunicación 2023-24; Ana Ramos, directora da oficina da FGE en Bruxelas.
2. Euroxuventude
➤ En 2023, EuroXuventude, a oficina virtual europea de información para mozos galegos, organizou dúas sesións en liña en colaboración co embaixador da Oficina de Selección de Persoal da UE (EPSO) na Universidade da Coruña. Baixo o nome de “Achégate á UE da man da FGE”, a primeira delas tivo lugar no mes de abril para explicar o programa de bolsas da FGE e a súa próxima convocatoria. A segunda tivo lugar en novembro para explicar as oportunidades de mobilidade intraeuropea que ofrecen os programas Erasmus para Mozos Emprendedores, o Corpo Europeo de Solidariedade e Interreg Young Volunteers (IVY), con testemuñas de mozos participantes en cada un deles. Ademais, a FGE acolle dende novembro a unha voluntaria da Iniciativa Interreg Young Volunteers (IVY).
➤ A FGE organizou no mes de xaneiro un encontro entre os mozos beneficiarios do proxecto “A voz da xeración Erasmus”, liderado polo Consello Español do Movemento Europeo, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. E en marzo, a FGE tivo un stand no 30º Encontro de organizacións intermediarias do programa Erasmus para mozos emprendedores (EYE) desde o que puido compartir a súa experiencia en proxectos europeos no ámbito da mocidade.
➤ Por outra banda, a FGE participou no programa “Xuventude mentoring” da Consellería de Política Social, que ten como obxectivo favorecer a transición á vida laboral dos mozos con estudos de grao ou formación profesional. En concreto, orientou e acompañou a dous mozos titulados con interese en acceder ao mercado laboral no ámbito das relacións internacionais.
➤ A través das redes sociais difundimos todo tipo de oportunidades para a mocidade: dende concursos como ImagineEU ata ofertas de emprego en organizacións europeas como a secretaría Interreg Europe.
3. Compromiso co Pacto Climático Europeo
➤ En 2023, a Fundación Galicia Europa seguiu adherida ao Pacto Europeo polo Clima co compromiso de difundir información e sensibilizar a Galicia sobre os obxectivos do Pacto Verde Europeo. Deste xeito, a estratexia da UE para acadar a neutralidade climática en 2050 está presente en todas as actividades da FGE, desde TecEuropa ata EuroXuventude, incluíndo os encontros virtuais FGE | NextGeneration Galicia.