II. Fomento da participación en proxectos europeos

A FGE brinda información e presta asesoramento para que cada vez sexan máis as entidades galegas que participan en proxectos europeos, chegando a involucrarse como socia en proxectos que lle resultan de interese.
volver á páxina principal
Guía de financiamento comunitario

A sección dedicada a dar a coñecer ás entidades galegas as posibilidades de financiamento no marco da UE sumou máis de 1.200 visitas. A través dela pódese consultar a Guía de Financiamento Comunitario 2021-2027 e máis de 30 fichas sobre os diferentes programas.

A principios de ano imprimíronse máis de 300 guías en papel para distribuír no acto de lanzamento do programa operativo FSE+ Galicia.

TecEuropa

TecEuropa banner

En 2023 organizamos dúas edicións do noso curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa en formato virtual. Ambas constaron de catro sesións: as dúas primeiras consistiron en charlas de responsables da Comisión Europea sobre as políticas europeas máis salientables (cohesión, enerxía, Pacto Verde…) e as dúas últimas dirixidas a coñecer máis a fondo o marco financeiro e os distintos programas de financiamento.

A primeira delas, décimo oitava en total, tivo lugar do 14 ao 23 de xuño, con 112 inscritos.

A segunda celebrouse do 8 ao 17 de novembro e reuniu a 83 participantes.

Os asistentes, nos dous casos, procedían de entidades públicas e privadas galegas como concellos, Xunta de Galicia, empresas, clusters, universidades ou entidades sen ánimo de lucro.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos, inauguraron a 19ª edición de Teceuropa en novembro de 2023.

Participación en proxectos europeos

A través da súa iniciativa EuroXuventude, a FGE continuou cos tres proxectos europeos que iniciara en 2022 e iniciou catro máis tras a selección das solicitudes presentadas:

➤ RUYOU

Rural Youth of Europe –  RUYOU (Programa CERV, 22/12-24/04), no que a FGE participa como socio en colaboración con outras entidades de Galicia, Portugal, Malta e Romanía. A través de jams creativas realizadas en liña ou presencialmente, a mocidade rural busca solucións ao despoboamento das zonas rurais. En 2023, RUYOU organizou tres hackathon en Lugo, Romanía, Chaves-Verín e Malta, ademais de catro creative jams en Vedra, Lugo, Malta e Boiro, nos que participaron máis de 500 mozos. Máis información.  

➤ AYCH

Centros creativos xuvenís atlánticosAYCH (Interreg Atlantic Space Program, 23/01-23/07). A FGE sumouse como socia durante uns meses para difundir os resultados deste proxecto que dende 2016 crea unha rede de espazos multidisciplinares para mozos e mozas en España, Francia, Irlanda e Portugal co obxectivo de fomentar o emprendemento ou a profesionalización nos eidos creativo, dixital e tecnolóxico. En Galicia deu orixe á incubadora Lugo Open Factory, que apoia o emprendemento empresarial en materia audiovisual, marketing dixital ou servizos computacionais. En xuño de 2023, a oficina da FGE en Bruxelas acolleu o acto de clausura de Aych, ao que asistiron unha vintena de mozos participantes no proxecto, así como entidades socias.

➤ DYAS

Xuventude embaixadora dixital para pemes – DYAS (Programa Erasmus +, 22/04- 24/04). A Fundación Galicia Europa participa como socia xunto coa AECT Eurocidade Chaves-Verín e a Asociación para o Desenvolvemento da Comarca do Alto Támega (ADRAT) para formar a mozos e mozas no uso das ferramentas dixitais. Estes mozos realizan posteriormente dous meses de prácticas nunha empresa para aplicar os coñecementos adquiridos como “embaixadores dixitais”. Despois de seleccionar aos 16 mozos de entre 18 e 30 anos que actuarán como embaixadores dixitais, en novembro DYAS impartiulles dous cursos de formación teórica. Máis información 

➤ RuralYouthFuture

RuralYouthFuture (Programa Interreg Europe, 23/03-27/02), no que a Fundación Galicia Europa é líder dun consorcio formado por entidades de España, Bulgaria, Eslovenia, Letonia, Portugal, Estonia e Bélxica. Novamente, o seu público obxectivo é a mocidade do rural, para quen pretende facilitar o acceso a novas oportunidades laborais abordando algúns dos seus problemas, como a escasa calidade laboral, o desemprego e a fenda dixital. No mes de maio tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación deste proxecto a cargo do director da FGE e a directora xeral de Xuventude, e no mes de xullo reuniu as entidades asociadas en Galicia: Cámara de Comercio de Santiago, Cámara de Comercio de Vigo, Eurocidade Chaves-Verín, a Federación de Casas Xuvenís Don Bosco e a asociación Amicos, que axudarán a nutrir este proxecto con boas prácticas e coa súa experiencia e coñecemento. A FGE acolle dende novembro a unha voluntaria da Iniciativa Xuventude Voluntaria Interreg (IVY), que contribúe ás tarefas de comunicación do proxecto.

➤ YouLeaders, líderes comunitarios xuvenís en zonas rurais do suroeste de Europa

You Leaders (Programa Erasmus +, 22/10-24/09), no que a FGE é socia xunto con outras entidades de España, Italia e Portugal para formar a 90 mozos, entre 14 e 19 anos, para converterse en “líderes das áreas rurais”. En 2023, You Leaders reuniu en Sada a 30 aspirantes a líderes rurais, ademais de traballar na elaboración dunha guía metodolóxica e dun manual de contidos para a formación dos mozos. Máis información.

➤ Eurocidade 2023

Eurocidade 2023 (Programa Interreg POCTEP, 23/01-24/12), cuxo obxectivo é seguir avanzando na cooperación entre administracións a ambos lados da fronteira na Eurocidade Chaves-Verín, facendo especial fincapé na participación xuvenil. En novembro, o proxecto organizou as xornadas «Novas ruralidades. Un futuro novo e prometedor”, que reuniu a mozos e mozas dos barrios do norte (Galicia) e do sur da Eurocidade (Portugal) para repensar o entorno transfronteirizo. Máis información.

➤ Incubtrans

Incubtrans (Programa Interreg POCTEP, 23/01-26/12) que ten como obxectivo a creación dunha incubadora de empresas transfronteirizas para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A FGE realizará un seguimento personalizado, coaching e formación específica para mozos emprendedores. A primeira reunión do comité de dirección do proxecto tivo lugar en novembro.