I. Defensa dos intereses galegos en Europa

A FGE realiza un seguimento das políticas comunitarias, presta apoio e asesora aos representantes galegos nas institucións e órganos comunitarios, organiza visitas de responsables políticos e técnicos a Bruxelas, fomenta a participación galega nos foros de debate que teñen lugar na capital comunitaria e colabora con outras rexións no marco de diferentes redes de cooperación para defender intereses comúns.
Volver á páxina principal
1. Comité Europeo das Rexións

De esquerda a dereita: Aprobación do ditame de pesca no CdR; Jesús Gamallo na reunión do grupo de contacto do CdR con Reino Unido; o director xeral nunha reunión da Asamblea Euromediterránea (ARLEM); e Gamallo na oitava edición do Foro Internacional sobre Cidades e Rexións.

A FGE facilitou e axudou á representación de Galicia no CdR en máis de vinte reunións, como as cinco da comisión de Recursos Naturais (NAT), as cinco da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) ou as seis sesións dos plenos. Tamén asistiu ao director xeral de Asuntos Exteriores e da UE nunha reunión do grupo de contacto do CdR co Reino Unido, nunha reunión da Asemblea Euromediterránea (ARLEM) e na oitava edición do Foro Internacional de Cidades e Rexións.

➤  Ditame de Pesca

É especialmente salientable o traballo desenvolvido pola FGE para a elaboración, defensa e aprobación dun ditame en materia pesqueira. Desde a inclusión desta cuestión no programa de traballo da comisión competente (NAT) ata valorar as emendas presentadas, a FGE foi clave para que Galicia defendese, en nome das rexións e concellos europeos, a importancia da dimensión social e económica da pesca.

A Comisión Europea presentou en febreiro un ambicioso paquete de propostas para mellorar a sustentabilidade do sector pesqueiro e acuícola, que xerou un amplo rexeitamento en Galicia e noutras rexións europeas. Neste contexto, a Fundación Galicia Europa propuxo a elaboración dun ditame no seo do Comité Europeo das Rexións co obxectivo de liderar a posición das rexións e concellos europeos sobre a dirección que está a tomar a política pesqueira común (PPC).

Baixo o título “A política pesqueira común sobre o terreo: cara a comunidades costeiras sostibles e resilientes na UE”, aprobouse a finais de novembro nun pleno tras seis meses de traballo de consulta coas partes interesadas e negociación co resto de membros do CdR. O ditame reclama un maior equilibrio entre os tres piares da sustentabilidade nos que se basea a PPC (ambiental, económico e social), aposta por unha transición enerxética xusta e gradual no sector e reclama un sistema de xestión pesqueira baseado en datos máis precisos (tanto ecosistemas mariños e a dimensión socioeconómica do sector).

2. Participación no Consello da UE

Ana Ramos, directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, acompaña a Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude, e a Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude.

A FGE prestou apoio para que, durante o segundo semestre de 2024, Galicia exercese a coordinación autonómica en materia de Xuventude no Consello, coincidindo coa Presidencia española. Unha funcionaria da Xunta viaxou a Bruxelas para participar en cinco reunións do Grupo de Traballo de Xuventude nas que se preparou a reunión ministerial que tivo lugar en novembro.

Nela participou a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola Martínez, que aprobou unhas conclusións sobre saúde mental na mocidade nas que se destaca a necesidade de adoptar medidas preventivas. Os ministros tamén adoptaron conclusións sobre a promoción da integración da perspectivas da xuventude nos procesos de toma de decisións políticas na Unión Europea. A Xunta de Galicia coordinou previamente o desenvolvemento dunha postura autonómica para contribuír ao debate político asociado a estas conclusións.

 

3. Seguimento e participación nas políticas europeas

A FGE, en colaboración coas consellerías competentes, realizou un seguimento dos asuntos a debate a nivel europeo que revisten un maior interese para Galicia.

Por unha banda, informou sistemáticamente á Xunta de Galicia sobre:

  • As peticións presentadas no Parlamento Europeo estaban relacionadas con Galicia.
  • As preguntas formuladas polos eurodeputados á Comisión Europea e as súas respostas.
  • As consultas públicas nas súas distintas fases do procedemento lexislativo.

Por outra banda, participou e/ou organizou encontros de temática moi variada, informando á Xunta e á cidadanía en xeral a través do boletín electrónico, a páxina web e as redes sociais. Entre estes temas destacamos:

  • Presidencia española do Consello: a FGE elaborou un informe coas prioridades de Galicia ante a Presidencia española do Consello, que foi validado polo Consello da Xunta.
  • A revisión da Rede Transeuropea de Transporte, para a que se chegou a un acordo político en decembro.
  • O debate sobre a transición enerxética do sector pesqueiro, o establecemento de zonas mariñas protexidas e o funcionamento da organización común de mercados dos produtos pesqueiros.
  • O Mecanismo de Axuste de Fronteiras, que entrou en vigor en outubro, para gravar as emisións de carbono emitidas durante a fabricación dalgúns produtos importados na UE.
  • O Fondo Social para o Clima, que compensará a partir de 2026 aos fogares, microempresas e usuarios do transporte especialmente expostos á pobreza enerxética debido á inclusión dos sectores do transporte e da construción no mercado de dereitos de emisión.
  • A transformación do sector da automoción. A FGE asistiu á Xunta de Galicia na súa participación na Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA). En novembro, a ARA celebrou a súa xornada anual en Navarra e contou coa presenza da Secretaría Xeral de Industria.
  • A negociación do Regulamento de Intelixencia Artificial, pactado politicamente en decembro.
  • A revisión do Marco Financeiro Plurianual para abordar o aumento dos intereses da débeda do instrumento NextGenerationEU, reforzar o apoio a Ucraína e a xestión das fronteiras, así como impulsar a soberanía estratéxica da UE coa creación da plataforma STEP.
  • A celebración do Ano Europeo das Competencias. A FGE apoiou á Consellería de Emprego para que durante o festival co que se inaugurou o Ano o pasado 9 de maio se emitise un vídeo sobre a Axenda Galega de Competencias.
  • A modificación do continxente arancelaria dos lombos de atún importados na UE.

Para máis información, pódense consultar os informes trimestrais ‘Defensa de Galicia ante a UE’, informes periódicos que realiza a Fundación Galicia Europa sobre a contribución de Galicia aos debates europeos e dar así conta ao Consello da Xunta de Galicia.

4. Reunións de alto nivel entre Galicia e Bruxelas

En 2023, a FGE organizou varias visitas de conselleiros e representantes da Xunta a Bruxelas:

INTELIXENCIA ARTIFICIAL_INTELIXENCIA_REXIONAL

Seminario “Intelixencia artificial, intelixencia rexional” na oficina en Bruxelas da FGE.

➤ Xaneiro

A FGE organizou en xaneiro, a petición da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, un seminario na súa oficina baixo o nome de “Intelixencia artificial, intelixencia rexional” no que representantes da Comisión Europea, do Parlamento Europeo, da REPER e da propia AMTEGA debateron sobre a negociación do regulamento europeo sobre a materia, que foi finalmente acordado a finais de ano. Un catedrático da USC presentou o estudo encargado pola Xunta de Galicia sobre o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia e o marco ético e normativo necesario, estudo que deu lugar á elaboración dunha lei autonómica de Intelixencia Artificial, cuxo borrador foi presentado noutro seminario organizado pola FGE en outubro, no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades (ver apartado 6. Semana Europea das Rexións e as Cidades).

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos en Bruxelas

Mesa redonda coa participación do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na FGE en Bruxelas.

➤ Xuño

A FGE organizou no mes de xuño a visita do conselleiro de Facenda a Bruxelas, Miguel Corgos, consistente en tres reunións coa Comisión Europea e unha mesa redonda con galegos que ocupan altos cargos nas institucións europeas. Durante a visita, o conselleiro explicou ás autoridades europeas como Galicia está a implantar os recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

 

Elena Rivo durante a súa intervención no European Employment Forum 2023

Elena Rivo durante a súa intervención no European Employment Forum 2023.

 

 

 

 

 

 

➤ Novembro

A FGE organizou no mes de novembro unha visita institucional para a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que participou no II Foro Social de Dereitos Sociais e Emprego organizado pola Comisión Europea. Nel, a conselleira presentou a nova ferramenta baseada en intelixencia artificial, EMi, que a Xunta está a implantar no Servizo Público de Emprego. Ademais, a FGE organizou unha axenda composta por cinco reunións coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Comité Europeo das Rexións, así como un almorzo informal con galegos que traballan a nivel comunitario. A conselleira estivo acompañada polo secretario xeral de Emprego e a directora xeral de Formación.

Ese mesmo mes, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, visitou a capital comunitaria para participar nunha mesa redonda sobre a protección do patrimonio cultural europeo no Parlamento Europeo.

Tamén en novembro, a FGE asistiu á conselleira de Política Social, Fabiola García, na súa participación na reunión ministerial de conselleiros de Xuventude, tal e como se explica no punto 2. “Participación de Galicia no Consello da UE”.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares reuniuse coa delegación da Bretaña francesa durante a súa viaxe a Bruxelas.

➤ Decembro

Finalmente, en decembro o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, viaxou a Bruxelas para o Consello de Pesca no que se fixaron as cotas de pesca para 2023.

Tamén visitou a capital comunitaria en decembro a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, para participar na reunión política da rede Vanguard Initiative.

 

 

5. Encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia

Next Generation Galicia ODSA Fundación Galicia Europa continuou en 2023 organizando estes encontros mensuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia para explicar as políticas europeas ao sector público autonómico. Comezou o ano repasando as prioridades das tres institucións comunitarias durante os dous últimos anos do ciclo institucional e, durante os meses seguintes, seguiu contrastando as perspectivas europea e galega en temas como o apoio ás pemes, a transformación dos sistemas de transporte ou a aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A Presidencia española do Consello e o Ano Europeo das Competencias foron obxecto de reunións específicas.

 

Esta é a lista completa das 8 reunións realizadas:

➤ 15 de febreiro. Axenda política interinstitucional 23-24. Noticia e Acta.

➤ 29 de marzo. Os avances climáticos do “Obxectivo 55”: Fondo Social para o Clima e Mecanismo de Axuste en Fronteira. Noticia e Acta.

➤ 26 de abril. A transición do ecosistema europeo de mobilidade: a contribución rexional. Noticia e Acta.

➤ 21 de xuño. A execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia: un enfoque práctico. Noticia e Acta.

➤ 5 de xullo. As prioridades da Presidencia española. Noticia e Acta.

➤ 27 de setembro. O Ano Europeo das Competencias: un novo impulso aos obxectivos sociais de EU. Noticia e Acta.

➤ 25 de outubro. Pemes nun mundo en constante cambio: novos apoios e iniciativas da EU. Noticia e Acta.

➤ 13 de decembro. A aplicación rexional dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: leccións aprendidas e avances ata 2030. Noticia e Acta.

6. Semana Europea das Rexións e as Cidades

De esquerda a dereita: a directora xeneral de Cambio Climático da Xunta, Sagrario Pérez Castellanos, explica como se implementou en Galicia o Pacto das alcaldías; María Bobillo, directora de Planificación da Amtega, moderou o debate sobre as rexións europeas no desenvolvemento da intelixencia artificial; Julio Pombo, director de Impulsa Galicia, explicou a adaptación da industria galega ás transicións verde e dixital; foto de grupo dos participantes no seminario organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

Baixo o lema “Rexións prósperas, Europa máis forte”, a 21ª edición da Semana acolleu a máis de 7.500 participantes de toda Europa ao redor de máis de 300 eventos. Como cada ano, a FGE promoveu a participación galega neste evento de referencia para poñer en valor a política de cohesión, conseguindo que seis destes eventos contasen coa participación activa de representantes galegos.

➤ Dous foron organizados pola Fundación Galicia Europa.

  • Por unha banda, o obradoiro “Intelixencia artificial rexional. O papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial” reuniu a máis de 200 persoas para discutir o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial. A Xunta de Galicia explicou o traballo que está a realizar para impulsar e garantir a seguridade do despregamento da IA.
  • Por outra banda, nunha pequena charla (EU Region Talk), a empresa Impulsa Galicia presentou o traballo que está a desenvolver para impulsar proxectos impulsores en Galicia a través da colaboración público-privada.

Celebráronse outros dous seminarios con presencia galega.

  • A directora xeral de Cambo Climático, Sagrario Pérez, explicou a experiencia de Galicia na implicación das entidades locais na loita contra o cambio climático.
  • O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, relatou a experiencia de Galicia e as entidades locais na cooperación fronteiriza en materia de recoñecemento de cualificacións.

Finalmente, o Clúster Alimentario de Galicia participou nun acto paralelo sobre innovación agroalimentaria e a FGE participou nunha degustación de produtos españois con motivo da Presidencia española da UE.

EURegionsWeek é o momento para que as rexións e cidades europeas presenten resultados, intercambien información sobre a aplicación das políticas europeas e debatan sobre o futuro. Pero, sobre todo, é unha oportunidade única para establecer contactos entre participantes e institucións, algo que a Xunta de Galicia aproveitou con esta participación activa nela promovida pola FGE.

Nesta nova publicada na web da Fundación Galicia Europa pódese atopar toda a información sobre a participación galega na Semana Europea das Rexións e Cidades 2023.

7. Redes de cooperación rexional

De esquerda a dereita: O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) celebrada en Cardiff (Gales); o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na 51º Asemblea xeral da CRPM celebrada en novembro en Saint-Malo (Bretaña); reunión do grupo de traballo do Brexit na Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

No ano 2023 a FGE coordinou a participación galega na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) e na Comisión del Arco Atlántico (CAA) e participou nas reunións organizadas pola Rede informal de Colaboración entre Delegacións Rexionais Españolas (CORE).

CAA e CRPM

A Fundación Galicia Europa coordinou a participación galega na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) nun ano no que se centrou especialmente na:

  • Revisión da Rede Transeuropea de Transporte.
  • Defensa dunha macrorrexión atlántica.
  • Fortalecemento do seu papel de defensor das rexións marítimas.

En total, a FGE asistiu a 13 reunións dos grupos de traballo sobre transporte, clima, cohesión, pesca e Brexit.

  • Especial relevancia foron as dúas reunións do grupo de Pesca nas que a Xunta de Galicia presentou o ditame que lideraba no Comité das Rexións co obxectivo de recoller as opinións das rexións periféricas e marítimas.
  • A FGE acolleu en setembro a última reunión do grupo de traballo do Brexit, creado en 2017 para defender os intereses das rexións atlánticas no proceso de saída do Reino Unido da UE. Nel mostráronse exemplos de como algunhas rexións fixeron uso da Reserva de Axuste do Brexit, posta en marcha en 2021, e valorouse o seu funcionamento coa unidade responsable da Comisión Europea.

No mes de maio, a FGE facilitou a participación do director xeral de Asuntos Exteriores e da UE, Jesús Gamallo, na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico celebrada en Cardiff, na que se adoptou unha declaración na que se destaca como os retos actuais do arco atlántico requiren unha cooperación maior da que existe, polo que é necesaria a creación dunha macrorrexión atlántica. Ademais, a declaración considera a implantación do corredor atlántico como un paso fundamental na cohesión e desenvolvemento destas rexións e fai balance da intención da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo nas zonas mariñas protexidas, reclamando un diálogo real co sector e as rexións afectadas antes de propoñer calquera modificación lexislativa da actual Política Pesqueira Común.

CORE

A FGE participou en 32 reunións organizadas pola Rede informal de Colaboración entre Delegacións Rexionais Españolas (CORE) coordinada ao longo do ano pola oficina da Rioxa. A través dos seus 11 grupos de coordinación técnica e do grupo de responsables de oficinas, esta rede permite o diálogo directo coa Representación Permanente de España ante a UE (REPER) e todas as institucións europeas, ademais de compartir información. Os responsables da oficina reuníronse con tres directores da Comisión Europea, así como co asesor Antici da REPER, encargado de preparar as reunións dos xefes de Estado e de Goberno, e co embaixador da UE na OMC.

A FGE coordinou un ano máis o grupo dedicado á Cohesión, para o que elaborou 11 boletíns informativos e organizou tres encontros: un coa unidade española da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, e dous co conselleiro de Facenda da Representación Permanente de España ante a UE. Os temas tratados foron principalmente: a revisión do marco financeiro plurianual 21-27 e a creación da plataforma STEP para flexibilizar o uso dos fondos estruturais en apoio ao desenvolvemento ou fabricación de tecnoloxías críticas en tres áreas: tecnoloxía profunda e tecnoloxía dixital (microelectrónica, computación cuántica, IA…), tecnoloxías limpas (almacenamento de electricidade e calor; captura, almacenamento e utilización de carbono; hidróxeno…) e biotecnoloxía (biomoléculas, produtos farmacéuticos, tecnoloxías médicas…).

Vanguard Initiative, GIA 

A FGE asistió á directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, na súa visita a Bruxelas para asistir á conferencia de celebración do décimo aniversario da Vanguard Initiative, red europea dirixida a impulsar a colaboración interrexional en innovación.

De esquerda a dereita: Reunión na oficina da FGE dunha reunión #CORE (Coordinación de Oficinas Rexionais Españolas) á que asistiu Cristina Lobillo, da Comisión Europea; encontro dos directores das representacións autonómicas en Bruxelas co embaixador representante permanente de España ante a #UE, Marcos Alonso, para abordar as prioridades da presidencia española do Consello; A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asiste á conferencia de celebración do décimo aniversario da Vanguard Initiative.

8. Presenza de entidades galegas en Bruxelas

A Fundación presta apoio a aquelas entidades públicas ou privadas galegas que queiran achegarse a Bruxelas para participar con eficacia no proceso de toma de decisións comunitarias e nos programas europeos.

Este é o caso na actualidade da Fundación Universidade-Empresa de Galicia (FEUGA), que aluga as súas oficinas na propia sede da Fundación en Bruxelas, e de Conxemar, Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos Alimentarios e Acuicultura, que en 2023 volveu alugar unha oficina na sede da FGE.