III. Información sobre a Unión Europea en Galicia
A evolución das políticas europeas, as posibilidades de financiamento comunitario e as oportunidades de emprego e prácticas nas institucións son os tres principais eixos de información europea facilitada pola FGE. Faino a través do seu portal web, das redes sociais e de boletíns electrónicos informativos. VOLVER Á PÁXINA PRINCIPAL➤ Boletíns informativos
A FGE elaborou 11 boletíns para o público en Galicia, integrados por novas sobre as políticas actuais da UE e a participación galega nos asuntos europeos, e nos que destacamos tamén os grandes foros e eventos europeos, as convocatorias e consultas públicas máis relevantes para Galicia. O boletín mensual conta actualmente con máis de 1.300 subscritores. Así mesmo, no ano 2023 a FGE comezou a elaborar un boletín específico para cubrir as noticias relacionadas coa actividade do Comité Europeo das Rexións, posterior á celebración das súas sesións plenarias. Os dous que foron publicaron en 2023, correspondentes aos plenos 157 e 158, difundíronse entre os responsables de asuntos europeos da Xunta e foron publicadas na nosa web.
➤ Redes sociais
Nos perfís oficiais das redes sociais, a FGE continuou aumentando a súa audiencia, cun 10,3% máis de seguidores totais. En concreto, chegou aos 4.075 seguidores en LinkedIn, onde as 309 publicacións xeraron máis de 117.800 impresións, e a 2.495 en X (antes Twitter), plataforma na que sumou máis de 142.000 impresións coas nosas 519 publicacións.
➤ Páxina web
A páxina web da FGE tamén seguiu medrando, achegando a máis de 29.500 usuarios a información sobre a actividade que desenvolve a entidade, a participación de Galicia nos asuntos comunitarios e as novidades da UE. Entre as novas seccións que se puxeron en marcha xunto co novo portal en marzo de 2022, destaca a dedicada ás análises FGE, documentos nos que se afonda en temas de actualidade comunitaria de especial interese para Galicia. En 2023 publicáronse catro destas análises, centradas en explicar os resultados da Conferencia sobre o Futuro de Europa, as posibilidades que ofrecen os denominados “itinerarios europeos de transición industrial”, a lexislación comunitaria referida á transformación da industria da automoción e as prioridades de Galicia ante a Presidencia española do Consello da UE.
➤ Novas
En total, a FGE publicou 219 noticias: 37 sobre as actividades organizadas pola FGE, 56 relativas á participación galega nos asuntos comunitarios, 95 sobre a actualidade das políticas da UE e 31 enmarcadas no apartado EuroXuventude.
➤ Revista ECO
Un ano máis, a FGE colaborou coa revista dixital ECO do Eixo Atlántico, unha institución no xornalismo galego con máis de tres décadas de traxectoria, coa publicación de 11 artigos.