Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia apela a unha verdadeira colaboración coa administración central na execución dos fondos europeos de recuperación

04/03/2022 | , ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de representar a Galicia no Cumio Europeo de Rexións e Cidades que o Comité Europeo das Rexións organizou esta semana en Marsella

 

— Co 70% dos fondos de recuperación comprometidos ata 2023, as comunidades autónomas soamente xestionan un 28% sen previsión de cando nin con que obxectivo poderán acceder a máis financiamento

 

— O Comité Europeo das Rexións aproba as súas mensaxes para a Conferencia sobre o Futuro de Europa nas que avoga por ter un papel vinculante no proceso comunitario de toma de decisións naqueles ámbitos cunha clara dimensión territorial

Entrevista ao director xeral, Jesús Gamallo, durante o Cumio de Rexións e Cidades en Marsella

 

Marsella, 4 de marzo de 2021.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, vén de representar a Galicia no Cumio Europeo de Rexións e Cidades que o Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou esta semana na localidade francesa de Marsella. A cohesión e a recuperación dende o punto de vista das rexións europeas foi un dos principais temas de debate deste cumio.
 
Sobre este asunto, Galicia chama a atención sobre a incerteza e falta de previsión ás que se enfrontan as comunidades autonómas na xestión do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), o que limita á súa capacidade de poñer en marcha iniciativas transformadoras. O director xeral explicou como Galicia se esforzou por elaborar unha carteira de proxectos sólidos que puidesen ser bos candidatos ao MRR e como puxo especial fincapé en asegurar unha xestión áxil e eficaz deste novo fondo europeo, adoptando unha lei para alixeirar a carga administrativa e creando novas estruturas na administración.
 
Por isto, o director apelou a unha verdadeira colaboración coa administración central na execución destes recursos, xa que, co 70% do plan de recuperación español comprometido ata 2023, as comunidades autónomas xestionan ata o momento só un 28%, una cifra moi por debaixo do 54% previsto inicialmente.
 
Jesús Gamallo lamentou, ademais, que o Goberno decidise xestionar o 100% dos fondos destinados á industria cando a promoción industrial é unha competencia compartida coas comunidades autónomas. “Non contar coa nosa experiencia e saber facer na xestión deste tipo de fondos, adquirida en boa parte gracias aos fondos estruturais, pode provocar retrasos na execución”, engadiu.
 
 
O Manifesto de Marsella
 
Durante o cumio, os membros do CdR aprobaron de forma conxunta un manifesto de alto valor político. Nel, demandan que o CdR pase de desempeñar un rol consultivo a ter un papel vinculante no proceso de toma de decisións da Unión Europea, especialmente, naqueles ámbitos cunha clara dimensión territorial.
 
Este manifesto, apoiado por Galicia, fai fincapé, na importancia de recoñecer e considerar en maior medida os coñecementos específicos dos entes locais e rexionais na elaboración e aplicación do Dereito comunitario, de xeito que isto redunde en melloras na lexislación e aumente a lexitimidade democrática da Unión Europea. Como recolle o manifesto, o 70% de lexislación da UE aplícase a nivel local e rexional. Galicia atópase, xunto as comunidades españolas, entre as rexións de Europa con máis competencias lexislativas.
 
 
Impulsar a Conferencia sobre o Futuro de Europa
 
A novena edición deste cumio, que o CdR organiza cada dous anos para debater sobre os retos e os desafíos da Unión, ten como un dos seus obxectivos principais darlle un impulso final á contribución das rexións e cidades á Conferencia sobre o Futuro de Europa, o proceso de consulta cidadá que rematará o vindeiro 9 de maio, Día de Europa.
Nesta liña, o CdR pide que a experiencia da Conferencia sirva para desenvolver un diálogo permanente coa cidadanía, de forma que se poida adoptar un enfoque ascendente, do local ao comunitario, no proceso de construción europea.
 
Ao longo das dúas xornadas que compuxeron o cumio, comisarios como Elisa Ferreira ou Margaritis Schinas, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Banco Europeo de Investimentos, Werner Hoyer, participaron xunto aos máis de 2 000 representantes de entes rexionais e locais de toda a UE en debates que atenderon a catro piares clave: os retos sociais, a cohesión e a recuperación, a democracia europea e o compromiso dos xoves cos valores europeos co gallo do Ano Europeo da Xuventude. 
 
Así mesmo, o Cumio tamén contou cunha sesión destinada a amosar a solidariedade das rexións europeas co pobo de Ucraína, durante a cal o alcalde de Kiev, Vitali Klitschko, foi nomeado membro honorífico do CdR.
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data