Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia pecha a súa participa na COP27 poñendo en valor as sinerxias rexionais para facerlle fronte á crise climática

Galicia pecha a súa participa na COP27 poñendo en valor as sinerxias rexionais para facerlle fronte á crise climática

15/11/2022 |

— A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou na COP27 de Exipto cunha axenda preparada pola Fundación Galicia Europa que lle permitiu manter reunións bilaterais con representantes da UE.

— A conselleira participou en varios eventos relacionados coa redución das emisións, o papel local e rexional na loita contra este fenómeno e a análise dos resultados dos acordos de Glasgow.

— A Xunta recolleu achegas para enriquecer a futura Lei do clima de Galicia e adaptala ao reto global de acelerar a redución das emisións GEI.

Bruxelas, 15 de novembro de 2022. A participación de Galicia na 27ª Conferencia das Nación Unidas sobre o Cambio Climático (COP27) pechouse cun saldo moi positivo para Galicia que lle permitiu expoñer en diferentes eventos o traballo que está a desenvolver no eido climático e coñecer os proxectos doutras rexións punteiras na acción climática, así como a experiencia e a visión de diferentes líderes mundiais sobre cuestións tan importantes como a evolución das emisións de CO2.

A Fundación Galicia Europa preparou unha detallada axenda que lle permitiu á conselleira reunirse con diferentes representantes da UE. Ademais, a Xunta estableceu sinerxías con outras rexións igualmente comprometidas coa redución dos gases de efecto invernadoiro (GEI), o que lle permitirán incorporar á futura Lei do clima suxestións que se adapten mellor á realidade galega e contribúan a aumentar a resiliencia da Galicia ao cambio climático e os seus efectos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou no evento Perspectivas do informe sobre a brecha de emisións 2022, no que se abordaron as iniciativas máis recentes e innovadoras en materia de mitigación e se propuxeron sinerxías interrexionais co obxectivo común de acelerar as transformacións necesarias a nivel enerxético e industrial para reducir as emisións GEI.

A Fundación Galicia Europa elaborou unha detallada axenda que permitiu á concelleira Ángeles Vázquez reunirse con diferentes representantes da UE no marco da COP27

Ángeles Vázquez tamén se reuniu con Matthijs Soede, membro da Dirección de Investigación e Innovación da Comisión Europea e director e máximo responsable da Misión de Hidróxeno Limpo, un sector en auxe e que resultará clave a futuro para alcanzar as metas de descarbonización económica e industrial fixadas a nivel global. A conselleira trasladoulle a aposta decidida que está a facer o Goberno galego para avanzar nesta dirección e facilitar que os principais sectores económicos de Galicia introduzan nos seus procesos produtivos novos combustibles polo seu dobre beneficio: o aforro e a redución dos gases contaminantes.

De feito, Galicia é a segunda comunidade española en enerxías renovables, un fito aínda maior tendo en conta que representa menos do 6% da superficie de todo o país. Ademais, está traballando para lograr unha posición de referencia e liderado no sector do hidróxeno limpo grazas á media ducia de proxectos innovadores para os que a Xunta aspira a captar fondos europeos co fin de garantir a súa viabilidade.

Galicia é a segunda comunidade española en enerxías renovables, un fito aínda maior tendo en conta que representa menos do 6% da superficie de todo o país

Noutro dos encontros mantidos, a conselleira reuniuse cos equipo de goberno de Quebec, onde salientou as oportunidades que ofrece Galicia como sumidoiro para a absorción de carbono e explorar posibles vías de colaboración entre ambas rexións, tanto neste eido como noutros relacionados coa loita contra o cambio climático.

Nese senso, en outubro a Xunta lanzou unha consulta preliminar ao mercado no marco do proxecto SICLE-CO2, unha iniciativa innovadora que ten como fin buscar, a través da colaboración público-privada, posibles solucións que permitan compensar localmente as emisións de CO2 aproveitando a capacidade de absorción natural da Comunidade. O 42% do territorio galego está amparado por algunha figura de protección. A “Galicia verde” é un dos sinais de identidade da Comunidade e, de feito, os seus bosques supoñen un importante activo para alcanzar a neutralidade climática antes de 2050 grazas á súa capacidade natural de absorción de CO2.

Por iso, a Consellería decidiu lanzar a súa primeira compra pública innovadora para captar solucións novidosas para a compensación local e voluntaria de emisións contaminantes de entre todas as propostas que presenten asociacións, empresas ou mesmo particulares no marco do proxecto SICLE. A Xunta quere facilitar así o intercambio leal entre os propietarios dos sumidoiros de carbono e os axentes económicos interesados en adquirir eses dereitos, e garantiulles que traballa cos estándares internacionais para garantir seguridade xurídica neste tipo de transaccións a todas aquelas entidades e empresas que queiran comprar dereitos.

A “Galicia verde” é un dos sinais de identidade da Comunidade e, de feito, os seus bosques supoñen un importante activo para alcanzar a neutralidade climática antes de 2050 grazas á súa capacidade natural de absorción de CO2

Ángeles Vázquez tivo ocasión tamén de reunirse co embaixador permanente da Unión Europea en Exipto, Christian Berger, a quen lle expuso a “folla de ruta” galega en materia de clima, marcada pola Estratexia de Cambio Climático e Enerxía aprobada polo Goberno autonómico hai tres anos e que se viu complementada en 2021 coa nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia pola súa contribución tamén ao cumprimento do obxectivo europeo de acadar a neutralidade climática antes de 2050.

Neste sentido, indicou que o obxectivo da Xunta é completar este marco normativo coa aprobación o ano que vén da primeira Lei do clima galega, un documento co que aspira a converter a variable climática nun valor prioritario na Comunidade e que se teña en conta de forma transversal en todas as políticas autonómicas e que será un instrumento clave para avanzar no cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos fixados pola Unión Europea neste eido.

Os fondos europeos que xestionará Galicia nos vindeiros anos no eido da rehabilitación residencial permitirán reducir entre 40.000 e 65.000 toneladas anuais as emisións de CO2.

Outro dos encontros preparados pola Fundación Galicia Europa foi coa directora de Asuntos Internacionais e Financiación Climática da Comisión Europea (CE), Diana Acconcia. Durante o encontro, a responsable comunitaria felicitou á Xunta polo esforzo realizado ata o de agora para situar este problema global no centro das súas políticas e animouna a identificar outras “rexións locomotoras” neste eido co fin de intercambiar con elas experiencias e iniciativas de interese común. Vázquez e Acconcia coincidiron na importancia de seguir potenciando o traballo a nivel rexional para avanzar de forma eficaz na adaptación ao cambio climático e aos seus efectos partindo da máxima “pensa global, actúa local”.

Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle que, segundo as estimacións da Xunta, os fondos europeos que xestionará nos vindeiros anos no eido da rehabilitación residencial permitirán reducir entre 40.000 e 65.000 toneladas anuais as emisións de CO2 grazas ás intervencións de mellora enerxética que se prevé subvencionar nun total de 11.500 vivendas galegas.

Comité das Rexións

A conselleira, acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, tamén participou en Exipto nun evento organizado polo Comité Europeo das Rexións no que se analizou o papel das rexións como pedra angular na Acción polo Clima, traballando a nivel local para mellorar a resiliencia a nivel mundial, así como a posibilidade de que os exemplos locais se extrapolen a niveis administrativos superiores. A maiores, abordouse a relevancia de que a experiencia da UE sirva de base para acadar un Obxectivo Global de Adaptación ambicioso, pero, ao mesmo tempo, realista.

No encontro, Ángeles Vázquez remarcou o compromiso do Goberno galego para promover e apoiar o afianzamento dunha estrutura de gobernanza que involucre ao ámbito rexional e local cara a obxectivos compartidos na mitigación e a adaptación ao cambio climático. E, nesa liña, salientou o esforzo que está a facer a Xunta como coordinadora do Pacto das Alcaldías en Galicia ao incrementar o número de concellos adheridos de 22 en 2017 -ano no que asumiu a coordinación desta iniciativa- aos 285 actuais, dos que 247 xa presentaron os seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).

Galicia está a preparar a súa propia Lei do clima, que será un instrumento clave para avanzar no cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos fixados pola Unión Europea neste eido

Ángeles Vázquez tamén lembrou que a Xunta está a promover a Alianza polo Clima de Galicia, que ten por obxectivo unir esforzos para situar á Comunidade á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático e que conta xa con máis de 30 entidades adscritas, como universidades, empresas, autoridades portuarias e entidades deportivas.

Como peche a súa participación na COP27, a conselleira mantivo unha reunión co presidente da Asemblea de Rexións de Europa, Magnus Berntsson, con quen intercambiou ideas para potenciar o desenvolvemento e financiamento de proxectos de infraestrutura resiliente ao clima e con baixas emisións de carbono no campo das enerxías renovables e a optimización de residuos.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data