Actualidade
Portada » Actualidade »Novas medidas de mellora para o CBAM
— A Comisión Europea propón reforzar o CBAM para evitar a fuga de carbono, ampliando o seu alcance a produtos transformados con alto contido de aceiro e aluminio e introducindo novas medidas contra a elusión.
— As medidas inclúen un fondo temporal de apoio ós produtores da UE para preservar a competitividade industrial e incentivar a descarbonización, garantindo condicións de competencia xustas a escala global.
Bruxelas, 17 de decembro de 2025. A Comisión Europea vén de propoñer un conxunto de medidas para colmar as lagoas existentes co fin de evitar a elusión e reforzar a eficacia do Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM) da UE, en resposta ás observacións recibidas da industria. A partir do 1 de xaneiro de 2028, o ámbito de aplicación do CBAM ampliarase para incluír determinados produtos transformados con utilización intensiva de aceiro e aluminio. O executivo comunitario tamén propón medidas para colmar as lagoas existentes co fin de evitar a elusión. En resposta ás demandas do sector, introdúcese un réxime temporal de apoio para protexer ós produtores da UE vulnerables á fuga de carbono, que recompense ás empresas máis limpas a escala mundial e fomente un contorno xusto e competitivo.
Así mesmo, introdúcese o concepto de equivalencia no imposto sobre o carbono e na dedución do prezo, e inclúese unha nova disposición que permite medidas negociadas de facilitación do comercio, como o recoñecemento mutuo de organismos de acreditación fiables, así como novas facilidades para a equivalencia da dedución do prezo do carbono.
Ampliación ós produtos transformados
O CBAM céntrase actualmente en materiais básicos como o aluminio, o cemento, a electricidade e o aceiro.
A partir de 2028, os importadores pagarán un prezo do carbono polas emisións vinculadas a estas mercadorías, co obxectivo de garantir a igualdade de condicións cos materiais producidos na UE suxeitos ó réxime de comercio de dereitos de emisión (RCDE) da UE. Aínda que isto protexe fronte á fuga de carbono, incrementa os custos para ós produtores da UE que utilizan estes materiais en produtos transformados, como as lavadoras. Existe o risco de que a produción se traslade a países con políticas climáticas máis febles, ou de que as mercadorías da UE sexan substituídas por importacións con maiores emisións de carbono.
Para facer fronte a esta situación, a Comisión Europea prevé ampliar o alcance do CBAM para incluír 180 produtos con utilización intensiva de aceiro e aluminio, como maquinaria e aparellos, garantindo que as emisións se reduzan en lugar de trasladarse a outros países.
A gran maioría destes produtos transformados (o 94 %) son produtos da cadea de subministración industrial cun elevado contido de aceiro e aluminio (un 79 % de media), utilizados en maquinaria pesada e equipos especializados, como guarnicións de metal común, cilindros, radiadores industriais ou máquinas de fundición. Unha pequena parte dos produtos transformados en cuestión (o 6 %) son tamén artigos domésticos. Un produtor da UE destes produtos transformados pode enfrontarse a un aumento dos custos dos materiais de aceiro e aluminio empregados no proceso de produción.
Medidas adicionais contra a elusión
Sobre a base das leccións extraídas durante o período transitorio de aplicación do CBAM, a Comisión Europea está a reforzar as estratexias para combater os riscos de elusión identificados no «Plan de Acción para o Aceiro e os Metais» e a través de consultas coas partes interesadas.
Ó promover o uso de chatarra para reducir as emisións dos produtos con elevado consumo de enerxía, a Comisión incorpora agora a chatarra de aluminio e aceiro de preconsumo nos cálculos do CBAM. Isto garante un prezo do carbono xusto tanto para as mercadorías fabricadas na UE como para as importadas.
Entre as propostas clave figuran a mellora dos requisitos de notificación para reforzar a trazabilidade das mercadorías CBAM e abordar as declaracións erróneas sobre a intensidade das emisións. A Comisión adquire autoridade para facer fronte, con base en probas, ás prácticas abusivas que eluden as responsabilidades financeiras do CBAM, e esixe probas adicionais cando os valores reais non son fiables, remitíndose ós valores do país neses casos específicos.
Fondo temporal para a descarbonización
A Comisión Europea puxo en marcha un fondo para apoiar temporalmente ós produtores de mercadorías CBAM da UE e mitigar os riscos de fuga de carbono. Esta medida fai fronte á perda de competitividade nos mercados de terceiros países, nos que as mercadorías da UE poderían verse substituídas por alternativas máis baratas e con maiores emisións, o que podería incrementar as emisións globais.
O Fondo reembolsará unha parte dos custos do carbono do RCDE da UE para aquelas mercadorías para as que siga existindo risco de fuga de carbono, e o apoio estará condicionado ós esforzos de descarbonización demostrados. O financiamento procederá das contribucións dos Estados membros, que representarán o 25 % dos ingresos derivados das vendas de certificados CBAM en 2026 e 2027, mentres que o 75 % restante constituirá un recurso propio da UE.
Informe de revisión do CBAM
A Comisión tamén publicou un informe no que se revisa a aplicación do CBAM durante o período transitorio comprendido entre outubro de 2023 e finais de 2025. O informe avalía a contribución do CBAM para facer fronte á fuga de carbono e fomentar a fixación mundial de prezos do carbono, e examina a gobernanza, a administración e o cumprimento, así como a dimensión internacional do CBAM. As conclusións poñen de manifesto que o CBAM é un factor clave na promoción da descarbonización en países non pertencentes á UE, en parte grazas á divulgación e á asistencia técnica prestadas para facilitar a súa aplicación. O informe establece tamén a folla de ruta para a aplicación e as medidas de acompañamento necesarias para garantir un réxime definitivo eficiente e eficaz a partir de 2026.
CONTEXTO
O CBAM é unha medida ambiental para acadar o obxectivo climático da UE de alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050, desenvolvida en consonancia cos compromisos asumidos no marco do Acordo de París. Mentres que o RCDE fixa os prezos da produción de carbono dentro da UE, o CBAM fixa un prezo para ós produtores que venden mercadorías dentro de Europa. O CBAM, posto en marcha na súa fase transitoria en outubro de 2023, permitiu unha transición previsible e proporcionada para as empresas da UE e de terceiros países. Tras dous anos de período transitorio, o axuste financeiro do CBAM introducirase progresivamente a partir do 1 de xaneiro de 2026. Isto reflectirá a eliminación progresiva das asignacións gratuítas no marco do RCDE da UE, que terá lugar ata 2034.
MÁIS INFORMACIÓN
- Nota de prensa da Comisión Europea
- Páxina web do CBAM
- Análise FGE– O Pacto Verde Europeo
- Encontro virtual– Os avances climáticos de “Obxectivo 55”: FSC e CBAM