- A Xunta enxalza o labor dos profesionais do mar e das entidades de defensa do medio mariño e a transcendencia de actuar da man neste eido nun momento no que a xestión mariña está moi presente na axenda internacional
- A titular de Mar salienta que o traballo conxunto permitirá acadar resultados a longo prazo dos que se beneficiarán as dúas partes e tamén as xeracións vindeiras
- O obxectivo do seminario web é demostrar como a suma de sinerxías permite acadar resultados beneficiosos para a saúde dos ecosistemas e para o desenvolvemento dunha pesca sustentable
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021.– A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na apertura do seminario web A colaboración entre as ONG medioambientais, a industria pesqueira e a ciencia impulsa a sustentabilidade, onde defendeu a necesidade de que as entidades de defensa do medio mariño e os profesionais do mar cooperen na busca do obxectivo común de protexer e preservar o bo estado dos mares e océanos do planeta así como dos seus recursos.
A representante da Xunta salientou que se trata dun asunto de especial importancia agora que a xestión mariña está presente na axenda internacional co obxectivo de evitar a súa degradación. “Trátase dun traballo conxunto que non só é posible senón recomendable e os froitos que se obteñan dela non só serán palpables con carácter inmediato senón que perdurarán a longo prazo”, incidiu Rosa Quintana.
A titular de Mar explicou durante o encontro -organizado pola Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD)- que os profesionais do mar e as organizacións non gobernamentais (ONG) son defensores dun mesmo fin pois son conscientes da transcendencia do mar para o futuro ben sexa por tradición, polo seu nexo laboral ou pola propia supervivencia do ser humano e da súa contorna.
“Trátase de dous colectivos que no pasado foron presentados como antagónicos pero que teñen os mesmos obxectivos aínda que falen un idioma diferente. Agardo que esta xornada sirva para afianzar un verdadeiro marco de colaboración a futuro que permita eliminar esa suposta contraposición de intereses, que sabemos que non existe, pois tanto a conciencia sobre a protección mariña como a colaboración de todos os seus axentes chegaron para quedar”, subliñou Rosa Quintana.
A representante do Executivo galego agradeceu o labor da EBCD na organización do seminario e lembrou a necesidade de traballar todos da man para acadar unha boa xestión dos recursos mariños e garantir o futuro das actividades marítimo-pesqueiras para as xeracións vindeiras.
O encontro
Este seminario web enmárcase no intergrupo do Parlamento Europeo sobre Cambio Climático, Biodiversidade e Desenvolvemento Sustentable. A través de esquemas actuais de cooperación que serán presentados por distintos expertos na materia detallarase como se poden acadar resultados concretos e efectivos para a sustentabilidade marítimo-pesqueira cando se impulsa a colaboración entre o sector e as ONG medioambientais.
Entre os exemplos de colaboración que se exporán no seminario están distintos proxectos de recollida de lixo mariño desenvolvidos na comunidade e amparados polo Plan Marlimpo, deseñado polo Executivo galego, ou a iniciativa FIP Blues, de mellora das pesqueiras de peixe espada e quenlla azul.
O seminario virtual enmárcase nun acordo entre a Consellería do Mar e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento e nel participarán tanto representantes do sector pesqueiro como das ONG medioambientais así como responsables de distintas institucións europeas para demostrar como a suma de sinerxías permite acadar resultados beneficiosos para a saúde dos ecosistemas e unha pesca sustentable.