Boletín nº 39 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

05/04/2023 |

Plan Industrial do Pacto Verde anunciado en febreiro tradúcese xa en medidas concretas para facilitar o desenvolvemento da industria verde en territorio europeo, como a fabricación de baterías ou placas solares. Outro plan, o referido á economía circular, tamén vén de concretarse en propostas lexislativas para orientar o consumo a unha maior sostibilidade. Reparar máis e consumir produtos realmente respectuosos co medio ambiente debería ser máis doado de aquí a pouco.

Todo isto co obxectivo último de reducir as emisións nun 55% en 2030. E despois? Unha consulta pública invítanos a opinar sobre as metas intermedias que deberíamos ser capaces de asumir en 2040 para poder conseguir a anhelada neutralidade climática en 2050.

Esta gran revolución verde ofrece moitas oportunidades pero tamén grandes retos. Para tratar de que ningún territorio se quede atrás, a plataforma da Transición Xusta organiza a finais de abril a 7ª edición da súa conferencia. E o Día Europeo do Turismo, en maio, analizará a transformación dun sector no que a sustentabilidade é xa un trazo intrínseco. No apartado de convocatorias, recollemos precisamente dúas destinadas ás empresas turísticas que ofrecen subvencións de pequeno importe para actividades moi concretas como a dixitalización ou a innovación.

Por último, no apartado EuroXuventude, destacamos a participación da Fundación Galicia Europa en varios proxectos europeos que tratan de implicar aos mozos e mozas no desenvolvemento do rural.