Boletín nº 30 | Recuperación económica da UE

24/03/2022 |

Este mes centrámonos en resumir a resposta que está dando a UE á crise provocada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia. Unha vez máis, parece cumprirse a célebre frase dun dos fundadores do que hoxe é a Unión Europea, Jean Monnet: “Europa construirase nas crises e será a suma das solucións que a esas crises se dean”. Neste caso, a UE está firmemente unida contra a agresión rusa, o que dá un verdadeiro pulo á cooperación existente en materia de seguridade e defensa. A escalada dos prezos da enerxía fai tamén que por primeira vez se aborde a posibilidade de intervir a corto prazo o mercado da electricidade e o gas.

Tal e como nos explicou a Comisión Europea no último encontro FGE | Next GeneratiOn Galicia, o reforzo da soberanía europea xa era un elemento central da axenda europea. Agora, a seguridade de abastecemento en materia de enerxía, alimentos e outros sectores é aínda máis necesaria, polo que se acelera o proceso cara á chamada “autonomía estratéxica”.

A resposta masiva e positiva en primeira liña para acoller á poboación que foxe da guerra dá paso ao gran reto que supón a acollida de refuxiados en toda a UE, que xa duplica en número a anterior crise de 2015 e 2016, nun momento en que o Pacto Migratorio está bloqueado no Consello. De momento, o orzamento europeo ofrece o Fondo de Asilo e Migración e os fondos estruturais para a acollida dos cidadáns que foxen de Ucraína, un país coa que a UE mantiña xa unha sólida relación de veciñanza.