Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural » A ‘Vaca Galega – Boi Galego’ obtén o selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

A ‘Vaca Galega – Boi Galego’ obtén o selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

08/10/2022 |

— A nova Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ‘Vaca Galega – Boi Galego’ abrangue a carne de vacuno de oito razas criadas en Galicia. 

— Esta nova denominación incorpórase á lista de 1.596 produtos agrarios xa protexidos.

Bruxelas, 8 de outubro de 2022. A Comisión Europea vén de aprobar o selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para a ‘Vaca Galega – Boi Galego’ despois de cinco anos de tramitación. Este recoñecemento engade un IXP novo para España e súmase á lista de 1.596 produtos agrarios xa protexidos na Unión Europea. A lista de todas as indicacións xeográficas protexidas pódese atopar na base de datos eAmbrosia.

Coa publicación no Diario Oficial da Unión Europea o 6 de outubro e a inscrición no rexistro comunitario finaliza un proceso de cinco anos iniciado no 2017. A IXP ‘Vaca Galega – Boi Galego’ recoñece á carne producida en Galicia das razas Rubia Galega, Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), Asturiana dos Valles, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e a Pardo Alpina, así como os seus cruces. A cría e engorde de vacas e novillos aptos para a produción de ‘Vaca Galega – Boi Galego’ están historicamente ligados ao medio xeográfico específico de Galicia, en particular polas súas condicións edafoclimáticas para a produción de forraxe.

O selo de IXP é o máximo recoñecemento de calidade da Unión Europea que identifica que un producto alimentario ten unha orixe xeográfica específica, unha reputación, unha cualidade determinada e outras características atribuibles fundamentalmente á súa orixe

Os métodos de alimentación e produción cárnica en Galicia baséanse nun sistema mixto no que se alterna o pastoreo e o uso de forraxes na alimentación, complementados cos recursos alimentarios dispoñibles e os excedentes de cultivos. Isto dá lugar a carnes marmoreadas que destacan polas súas características e calidade sensorial. A carne de ‘Vaca Galega – Boi Galego’ é tenra e caracterízase pola súa xugosidade en boca e un sabor a carne profundo e persistente cun retrogusto lixeiramente ácido.

A gandaría en Galicia remóntase á prehistoria. A gandaría segue baseándose en pequenas explotacións familiares nas que se respecta a simbiose entre terra, home e animal e nas que a alimentación e o coidado do gando se transmite de xeración en xeración. 

Máis información: Boletín Oficial da Unión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas