Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Bolsas FGE »Publicada a convocatoria para catro bolsas de formación en asuntos europeos en Bruxelas
— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste programa formativo que permite realizar prácticas na oficina da Fundación Galicia Europa no corazón da Unión Europea
— A medida vai dirixida a persoas tituladas universitarias ou con titulación técnica superior de Formación Profesional
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Fundación Galicia Europa (FGE) de catro bolsas destinadas a persoas tituladas universitarias ou con titulación técnica superior de Formación Profesional para formarse en asuntos relacionados coa Unión Europea e facilitar o seu acceso ao mercado laboral. O orzamento da medida supera os 64.000 euros que cobren as retribucións, a Seguridade Social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.
Trátase dun programa que a FGE leva a cabo cada ano para potenciar o coñecemento sobre asuntos comunitarios dende unha perspectiva galega. As catro persoas seleccionadas realizarán o programa formativo na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas a partir de setembro durante 11 meses.
Do total de catro bolsas, tres están dirixidas a persoas cun título universitario. Destas, dúas son para a formación xeral en asuntos comunitarios e outra para a formación en comunicación das políticas comunitarias e a participación galega en asuntos europeos. Esta última modalidade está reservada para titulados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
A cuarta bolsa destínase a persoas con titulación técnica superior de Formación Profesional na familia de Administración e Xestión, para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.
As persoas interesadas en optar ás bolsas deben presentar obrigatoriamente a solicitude a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta no prazo dun mes a partir de mañá.
Ofértanse catro bolsas para unha estancia de once meses en Bruxelas: tres para graduados universitarios e unha para técnico superior de FP
O proceso de selección divídese en dúas fases. A primeira consiste nunha valoración de méritos que terá en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos, os idiomas e o coñecemento da lingua galega, entre outros aspectos. As primeiras persoas clasificadas pasarán á seguinte fase, consistente nunha entrevista persoal.
Máis información: Diario Oficial de Galicia e o noso apartado de Bolsas
