Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Participación Xuvenil »
Participa no Festival de Participación Pública e Democracia
- Este evento enmárcase no Ano Europeo da Xuventude e ten como obxectivo fomentar a participación xuvenil a nivel europeo
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022. En outubro de 2022 levarase a cabo o Festival de Participación Pública e Democracia Deliberativa. O seu obxectivo é reunir ás persoas interesadas en traballar na participación cidadá a través de actividades como conferencias, obradoiros ou exposicións.
Coincidindo co Ano Europeo da Xuventude, esta edición terá como elemento central a participación xuvenil. Por este motivo, o festival abriu un procedemento de consulta pública para recoller ideas e iniciativas que reflictan os intereses e inquedanzas da xuventude europea. Algún dos temas que desde a organización instan a abordar son o rol da xuventude local ou o establecemento de espazos participativos.
Se a túa idea é seleccionada, terás a posibilidade de levala a cabo coa axuda da organización do festival, podendo facela de maneira presencial (en Bruxelas ou Ispra) ou en liña.
Non perdas esta oportunidade e participa na seguinte ligazón, facendo oír a túa voz nesta Ano Europeo da Xuventude. Tes até o 15 de maio!
CONTEXTO
O Festival é un evento aberto e gratuíto que reúne a persoas de diversa procedencia interesadas na participación da cidadanía na elaboración de políticas e a democracia deliberativa en Europa (e no mundo). O programa de cada ano inclúe unha variedade de eventos como conversacións abertas, sesións interactivas, exposicións e unha exposición de proxectos de democracia participativa e/ou deliberativa.
En 2022 será un evento híbrido no que os participantes poderán asistir e interactuar en persoa -en Ispra, Italia, ou en Bruxelas, Bélxica- e/ou en liña.
