• Trátase de préstamos do Banco Europeo de Investimentos a Gestamp para desenvolver vehículos máis seguros e lixeiros
  • España recibirá 41.6 millóns de euros do investimento total

Bruxelas, 18 de xullo de 2016. O vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI) , Román Escolano, e o presidente e CEO de Gestamp, Francisco J. Riberas, acaban de asinar un préstamo de 160 millóns de euros baixo o Plan Europeo de Investimentos para que a compañía multinacional española Gestamp, especializada en compoñentes metálicos para a automoción, desenvolva novas liñas de investigación que permitan fabricar coches máis seguros e lixeiros.

Este préstamo de 160 millóns de euros permitirá a Gestamp investir en investigación e desenvolvemento nas súas fábricas de España, Alemaña, Francia, Suecia e o Reino Unido. En concreto, España, onde Gestamp ten a súa sede central, recibirá un investimento de 41,6 millóns de euros, o 26% do total. O proxecto apoia a investigación en España para cumprir co obxectivo de que o investimento en I+D+i chegue ao 2% do PIB nacional en 2020 dende o 1,2% actual.

Grazas ao Plan Europeo de Investimentos, Gestamp implementará un novo programa de investigación durante catro anos nas súas instalacións europeas para fabricar compoñentes clave para facer coches máis seguros e menos contaminantes.

O proxecto ten ademais un impacto positivo no emprego. Gestamp ten 95 fábricas en 20 países con máis de 33.000 empregados. Deles, máis de 1.300 traballan en investigación, desenvolvemento e innovación. Este investimento fará posible que a compañía poida seguir creando emprego de calidade en Europa, ao ser o I+D+i un potente motor para o crecemento de Gestamp.

Gestamp é un dos grandes fabricantes mundiais de compoñentes metálicos para o automóbil. Pola estreita relación de compañía con clientes e provedores de todo o mundo, este proxecto do Plan Europeo de Investimentos contribuirá ademais a facilitar o acceso a novas tecnoloxías e ao coñecemento non só ao promotor, Gestamp, senón a todo o sector do automóbil.

Banco Europeo de Investimentos (BEI)

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a institución de financiamento a longo prazo da Unión Europea cuxos accionistas son os seus Estados membros. O BEI facilita financiamento a longo prazo a proxectos de investimento viables co fin de contribuír ao logro dos obxectivos da política da UE.

Fuente: Comisión Europea