Boletín nº 42 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

25/07/2023 |

Un dos principais desafíos durante a Presidencia española do Consello é a negociación sobre a revisión a medio prazo do orzamento plurianual da UE. A Comisión Europea propón aumentar en preto de 100.000 millóns de euros o orzamento 21-27 co obxectivo de establecer un novo instrumento de apoio a Ucraína, mellorar a xestión dos fluxos migratorios e crear unha plataforma de tecnoloxías estratéxicas coa que apoiar a fabricación en solo europeo de tecnoloxías críticas como a IA, as tecnoloxías limpas ou a biotecnoloxía. A decisión dos líderes europeos, por unanimidade, está prevista para outubro.

Coincidindo co inicio desta Presidencia, a FGE fixo públicas as prioridades de Galicia no eido europeo para este segundo semestre de 2023. A avaliación da actual Política Pesqueira Común é unha delas e, por iso, no mes de xuño levamos a cabo varias consultas con institucións e outras organizacións para a elaboración dun ditame no Comité Europeo das Rexións sobre o presente e futuro do sector da pesca e a acuicultura.

No eido lexislativo, a Lei de Datos súmase ás leis de Servizos Dixitais e de Mercados Dixitais de acordo coa chamada década dixital da UE e novas propostas pretende facer os produtos que consumimos máis sostibles e duradeiros, como os electrodomésticos, os móbiles ou os aparellos eléctricos.

Por último, fácemonos eco de dúas  convocatorias de financiamento europeo en cascada que poden axudar aos concellos a adoptar novas solucións dixitais en materia de saúde e coidados, e  a deseñar novas políticas de mobilidade sostible.