Boletín nº 33 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

29/07/2022 |

Neste último boletín antes do descanso estival, fixámonos no traballo de “prospectiva estratéxica” que está a realizar a Comisión Europea para guiar a axenda europea. Despois de reflexionar sobre o que significa a “resiliencia” para as economías europeas a partir da experiencia da pandemia e de definir a necesidade da “autonomía estratéxica aberta” para diminuír a vulnerabilidade da UE no escenario internacional, agora analiza como deben convivir e interactuar os procesos de transición dixital e ecolóxica nos que estamos inmersos. A clave para avanzar con éxito en ambos é, sen sorpresas, a investigación e a innovación, como así se recolle na nova axenda europea neste eido, que aspira a situar á UE na vangarda mundial da innovación en materia de sostibilidade.

Precisamente para mellorar a coordinación entre rexións europeas en materia de innovación, Galicia vai participar nunha acción piloto que acaba de constituírse. Tamén é candidata a participar na Misión europea de adaptación ao cambio climático, que vén de anunciar os primeiros territorios seleccionados, e foi unha das rexións impulsoras da nova Alianza de Rexións con industrias da Automoción, que avoga por unha transición xusta e equitativa cara os vehículos de cero emisións.

Á volta do verán, espérannos dúas citas importantes en relación con este dobre proceso de transición: a Semana Europea da Enerxía Sostible e os Días Europeos de Investigación e Innovación. Estes eventos anuais que solían celebrarse exclusivamente en Bruxelas adoptaron xa a forma de eventos híbridos, polo que é posible seguir a maior parte das sesións en liña.

E un aviso para o 90% dos concellos galegos que están adheridos ao Pacto Europeo das Alcaldías: ata finais de setembro poden presentar unha solicitude para financiar estudos técnicos en relación coas accións identificadas nos seus plans de enerxía e clima.

Boa lectura e feliz verán!