Boletín 26º | Recuperación económica da UE

29/10/2021 |

Neste boletín analizamos as propostas da Comisión Europea para que os Estados membros traten de atallar a escalada de prezos da enerxía, así como os efectos que a estratexia “Da Granxa á Mesa” pode ter no sector agroalimentario, agora que acaba de obter o visto bo do Parlamento Europeo. Sobre estes retos debaterase na conferencia anual “EU Agriculture Outlook” que se celebrará vitualmente en decembro.

En relación co financiamento comunitario, desvelouse xa o reparto dos fondos estruturais 21-27 en España, dando así paso á elaboración dos programas operativos onde se definirán as actuacións que mellor se axustan aos novos regulamentos publicados en xullo. Salientamos tamén algunhas das case 400 convocatorias de xestión directa actualmente abertas: dúas no marco da nova Bauhaus Europea, as do novo Mecanismo Conectar Europa por valor de 7.000 M€ e unha destinada en exclusiva á área atlántica para garantir o desenvolvemento das enerxías mariñas renovables en áreas protexidas ambientalmente. Para coñecer este tipo de convocatorias na práctica, organizamos unha nova edición do noso programa TecEuropa do 9 ao 19 de novembro. 

Galicia participou este mes en varios foros contribuíndo coa súa experiencia ao debate europeo en eidos como a política pesqueira común, os retos demográficos ou os dereitos dos consumidores, e comprometeuse a acoller dous debates de corte europeo en 2022. 

Por último, invitamos ás entidades galegas a participar nas consultas públicas abertas sobre a futura lexislación comunitaria en materia de aloxamentos turísticos, flexibilización das axudas de estado e a calidade do aire.  

Santiago acollerá unha reunión do Comité Europeo das rexións no ano Xacobeo 2022