Boletín 21º | Recuperación económica da UE

15/04/2021 |

Este mes está marcado polo inicio dos novos programas de financiamento comunitario do período 2021-2027. Malia o retraso sufrido nas negociacións dos regulamentos, as primeiras convocatorias están a xa a publicarse, como as de Erasmus + e Horizonte Europa, dous programas que ven aumentado significativamente o seu orzamento.  

En relación co desenvolvemento de políticas, a UE traballa agora en reforzar a dimensión social das xa ben coñecidas transicións ecolóxica e dixital. A finais de mes celébrase a terceira reunión da Plataforma da Transición Xusta, dirixida a todas aquelas rexións con dependencia do carbón ou intensivas en combustibles fósiles. E, a  principios de maio, os líderes europeos reafirmarán en Oporto o seu compromiso cun modelo de crecemento inclusivo fixando uns obxectivos concretos para 2030. 

Desde Galicia, continuamos a participar nos debates sobre os efectos do Brexit na economía europea, especialmente na pesca, e seguimos de cerca a posta en marcha do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, dada a gran oportunidade que representa para o conxunto de España.  
Por último, dende a FGE convidamos a todas as entidades galegas públicas e sen ánimo de lucro a participar na próxima edición de TecEuropa que terá lugar entre o 20 e o 30 de abril. As empresas galegas terán, pola súa parte, unha edición específica no mes de xuño.

 

Santiago acollerá unha reunión do Comité Europeo das rexións no ano Xacobeo 2022