Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » I+D+i »A UE investirá 13 500 millóns de euros en investigación e innovación no período 2023-24
— O clima e a transición dixital son os eidos cun maior investimento
— Horizonte Europa conta coa maior consulta pública na historia da UE
Bruxelas, 10 de xaneiro de 2023. A Comisión adoptou o programa de traballo principal de Horizonte Europa para o período 2023-2024, destinando preto de 13 500 millóns de euros a apoiar aos investigadores e innovadores de Europa na procura de solucións revolucionarias para os retos medioambientais, enerxéticos, dixitais e xeopolíticos.
Todo este financiamento, unha parte dos 95 500 millóns de euros cos que conta Horizonte Europa en total, aplicarase transversalmente para acadar metas da UE. Dentro destes obxectivos atópanse a loita contra o cambio climático, o aumento da resiliencia enerxética ou o desenvolvemento de tecnoloxías esenciais. Tamén abordaranse accións específicas para apoiar a Ucraína, impulsar a resiliencia económica e contribuír a unha recuperación sostible tras a pandemia da covid.
Estes fondos axudarán a acadar un ecosistema europeo de investigación e innovación máis sólido mediante unha maior participación dos investigadores e innovadores de toda Europa, unha maior mobilidade e un maior financiamento destinado a infraestruturas de investigación de categoría mundial.
Clima e transformación dixital, as grandes beneficiadas
Máis do 40% dos cartos están adicados á consecución de obxectivos clave da acción polo clima. En total, 5 670 millóns de euros para reducir as emisións de gases efecto invernadoiro, adaptarse ao cambio climático ou apoiar a biodiversidade.
A transición dixital da UE contará con 4 500 millóns de euros para o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais esenciais e o fomento da súa integración no día a día. Un exemplo é o proxecto Nova Bauhaus Europea, que visibiliza os beneficios da transición ecolóxica na vida cotiá e os espazos vitais.
Outros proxectos cun investimento significante son a transición enerxética, que contará con 970 millóns de euros para proxectos en consonancia co plan REPowerEU e o plan NextGenerationEU, que terá 336 millóns para mellorar a preparación fronte pandemias e emerxencias sanitarias.
No relativo á axuda a Ucraína, proporciónase apoio específico engadido ao xa posto en marcha no ano 2022, como o reforzo do acceso dos investigadores ucraínos ás infraestruturas europeas ou o apoio aos científicos sanitarios.
Contexto
O programa de traballo de Horizonte Europa para 2023-2024 baséase no Plan Estratéxico de Horizonte Europa para 2021-2024, adoptado en marzo de 2021. Creouse conxuntamente con partes interesadas, Estados membros e o Parlamento Europeo. O 1 de decembro, a Comisión puxo en marcha a maior consulta pública xamais realizada sobre o pasado, o presente e o futuro dos programas de investigación e innovación de Horizonte Europa para 2014-2027. Está aberta durante doce semanas e contribúe á avaliación final de Horizonte 2020 e á avaliación intermedia de Horizonte Europa, así como a sentar as bases para a preparación do Plan Estratéxico de Horizonte Europa para 2025-2027.
Máis información: Comisión Europea