Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Educación e Cultura » Valentín García destaca o “papel fundamental do eido dixital no uso e prestixio da lingua”

Valentín García destaca o “papel fundamental do eido dixital no uso e prestixio da lingua”

30/09/2026 |

— O secretario xeral da Lingua participou en Bruxelas no encontro ‘Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google’ organizado pola empresa tecnolóxica

— Sinala que a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega “presta especial atención ás tecnoloxías como novas formas de comunicación entre as xeracións máis novas”

— Ademais, fai referencia ao ‘Proxecto Nós’ como unha das máis importantes iniciativas da Xunta “para que o galego sexa unha lingua habitual nas plataformas”

Bruxelas, 30 de setembro de 2026. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no encontro Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google, organizado pola empresa tecnolóxica con motivo do Día Europeo das Linguas. Unha cita a raíz da que destacou “o papel fundamental que teñen as tecnoloxías e o eido dixital no uso e prestixio de todos os idiomas, tamén do galego”.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apuntou ao novo Plan xeral de normalización da lingua galega, que será aprobado a vindeira semana no Parlamento tras o pacto acadado pola maioría das formacións políticas e que, tal e como lembrou, “fai especial fincapé en impulsar a presenza da lingua nas plataformas e ferramentas dixitais, sobre todo naquelas máis utilizadas hoxe en día polas xeracións máis novas  para comunicarse e buscar información”.

Así, Valentín García destacou que entre as medidas “para prestixiar a lingua e o seu uso social prestamos especial atención ás novas formas de interacción entre a mocidade, que están a substituír a tradicional transmisión xeracional no núcleo familiar”. Nesta liña fixo referencia a unha das grandes iniciativas que se están a desenvolver en Galicia neste eido e que se puxo de exemplo de boas prácticas nesta xornada europea, como é o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais cun claro obxectivo, indicou, “ de seguir ampliando os principais eixos de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala”.

Segundo explicou o secretario xeral da Lingua, ao abeiro deste proxecto ofréncense recursos de libre acceso por terceiros, “o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que contribúen a que o galego sexa unha lingua habitual neste eido”.

A xornada celebrouse con motivo do Día Europeo das Linguas, que se conmemorou o pasado día 26, e que pon o foco na diversidade lingüística como un dos valores culturais, sociais e institucionais clave de Europa. Na efeméride destácase a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

Máis información: Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data