Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas »Marco financeiro plurianual (MFP) 2028-2034: prioridades cidadás e principais retos
— A Eurocámara propón un orzamento equivalente ao 1,27 % da RNB e excluír os custos de reembolso da débeda
— Defensa e competitividade emerxen como novas prioridades, sen menoscabar o financiamento da cohesión e da agricultura
— O Parlamento reclama novas fontes de ingresos capaces de achegar 60 000 millóns de euros anuais
Bruxelas, 28 de abril de 2026. O Parlamento vén de fixar a súa posición para negociar cos Estados membros as principais cifras e a estrutura do marco financeiro plurianual (MFP) para o período 2028-2034.
Segundo o informe provisional do Parlamento, aprobado por 370 votos a favor, 201 en contra e 84 abstencións, o orzamento da UE para eses sete anos debe situarse no 1,27 % da Renda Nacional Bruta (RNB) da UE, deixando fóra do límite orzamentario o servizo da débeda do instrumento de recuperación NextGenerationEU (NGEU), equivalente ao 0,11 % da RNB.
O Parlamento propón un aumento aproximado do 10 % en comparación coa proposta da Comisión Europea de xullo de 2025. Os fondos adicionais repartiríanse de maneira uniforme entre as tres rúbricas orzamentarias que apoian as prioridades da UE (excluíndo administración e axencias) e servirían tamén para absorber o impacto da inflación.
En termos nominais, o incremento equivale a 175 110 millóns de euros a prezos constantes de 2025 (197 300 millóns a prezos correntes) máis do proposto pola Comisión (excluíndo o servizo da débeda do NGEU). En termos globais, o Parlamento propón un orzamento de 1,78 billóns de euros a prezos constantes de 2025, ou 2,01 billóns a prezos correntes, cos que financiar as prioridades políticas e os obxectivos estratéxicos da Unión.
A Eurocámara subliña que o futuro orzamento debe seguir sendo un instrumento de investimento ao servizo das políticas, da cidadanía, das rexións e das empresas grandes e pequenas, garantindo o valor engadido europeo fronte ao gasto puramente nacional. Neste contexto, rexeita calquera deriva cara á renacionalización do gasto europeo e alerta de que o modelo de «un plan por Estado membro» formulado pola Comisión podería debilitar as políticas comúns, reducir a transparencia e crear competencia entre os beneficiarios.
Máis fondos específicos para programas clave
Os eurodeputados reclaman políticas sólidas e dotadas de fondos suficientes, con partidas específicas para as medidas incluídas nos plans de colaboración nacionais e rexionais —como a política agrícola común e a política pesqueira— e para as rexións ultraperiféricas, a política de cohesión, o Fondo Social Europeo e os asuntos de interior. Ademais, insisten en que as autoridades rexionais e locais participen plenamente no deseño e execución dos programas.
A Eurocámara acolle favorablemente a proposta da Comisión de duplicar os recursos destinados á competitividade, defensa, innovación, transición dixital e ecolóxica, infraestruturas, saúde, educación e cultura. Pide reforzar especialmente programas clave como o Fondo Europeo de Competitividade (FEC), Horizonte Europa, o Mecanismo «Conectar Europa», Erasmus+, AgoraEU e o mecanismo de protección civil, e propón aumentar o financiamento específico de EU4Health e LIFE no marco do FEC.
Por outra banda, considera insuficiente a dotación prevista para a acción exterior e reclama máis fondos para as políticas de ampliación, desenvolvemento, apoio a Ucraína, cooperación multilateral e axuda humanitaria.
A transparencia e a rendición de contas, en risco
Os eurodeputados sinalan que a simplificación administrativa non debe socavar a transparencia, a rendición de contas nin o control democrático. Alertan de que un uso xeneralizado do financiamento non vinculado a custos reais podería dificultar as auditorías. O informe lembra, ademais, que o respecto dos valores europeos e do Estado de dereito é unha condición indispensable para acceder a fondos europeos e que os beneficiarios finais non deben verse prexudicados por decisións dos seus gobernos.
Ingresos
A Eurocámara reafirma o seu compromiso de introducir novos recursos propios para sufragar o reembolso da débeda de NextGenerationEU e financiar o orzamento. Apoia o sistema de «cesta» proposto pola Comisión e reclama que as novas fontes de ingresos se aproben neste próximo marco orzamentario para xerar uns 60 000 millóns de euros anuais. Entre as alternativas mencionadas figuran un imposto sobre os servizos dixitais, unha taxa sobre os xogos de azar en liña, a ampliación do Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (MAFC) ou unha taxa sobre as plusvalías procedentes de criptoactivos.
Para obter cifras detalladas, véxase o anexo II do informe provisional.
Próximos pasos
O Parlamento fixou con esta votación a súa posición negociadora sobre a estrutura e o volume do orzamento para o período 2028-2034. O Regulamento MFP require a aprobación do Parlamento Europeo. As negociacións formais comezarán unha vez que os Estados membros acorden unha posición común.
Antecedentes
En maio de 2025, o Parlamento fixou as súas prioridades sobre o orzamento da UE máis aló de 2027. Dous meses despois, a Comisión presentou unha proposta para o próximo orzamento a longo prazo da UE, que destacados eurodeputados consideraron insuficiente ao conxelar o investimento en termos reais malia cubrir o reembolso da débeda de NextGenerationEU. Actualmente, a maior parte do orzamento destínase a empresas, agricultores, rexións e organizacións da sociedade civil, mentres que arredor dun 6 % corresponde a gastos administrativos.
Máis información: Parlamento Europeo
© European Union, 2015