Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Reunións de Alto Nivel » A Xunta incide en Bruxelas na súa aposta pola flexibilización da formación para o emprego e pola ferramenta EMi

A Xunta incide en Bruxelas na súa aposta pola flexibilización da formación para o emprego e pola ferramenta EMi

22/06/2024 |

— O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse coa xefa da Unidade para España e Malta da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE.

— Na reunión -na que tamén estivo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais- a representante comunitaria confirmou que ambas liñas de actuación coinciden co que se está a potenciar no seo da Unión Europea.

— Na xuntanza tamén se falou da tendencia positiva do mercado laboral, constatada na nosa Comunidade con datos como o mínimo histórico de paro acadado en maio.

Bruxelas, 22 de xuño de 2024. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse esta semana en Bruxelas coa xefa da Unidade para España e Malta da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Unión Europea, María Iglesia.

Un encontro no que constataron que a aposta da Xunta pola flexibilización da formación para o emprego e polo uso da intelixencia artificial para casar oferta e demanda laboral coincide co que se está a potenciar no seo da Unión Europea.

Así, primeiramente, os representantes autonómicos comprobaron que a ferramenta EMi de intelixencia artificial aplicada nas 54 oficinas de emprego galegas está aliñada coas políticas que se están a preparar no marco da Rede Eures (European Employment Services).

Na xuntanza, o conselleiro e o secretario xeral explicaron que xusto se vén de intensificar o perfilado competencial no marco desta ferramenta tecnolóxica co obxecto de beneficiar máis de 70.000 persoas desempregadas ata setembro de 2025 para extraer datos en tempo real e dar cobertura ás arredor de 15.000 vacantes existentes en Galicia.

No encontro, tamén se abordou porque Galicia supera o ritmo de crecemento medio europeo para os sectores TIC e as actividades científico-técnicas e administrativas, e porque temos unha das menores diferenzas entre taxas de emprego feminino e masculino de Europa

Na mesma dirección de incrementar as posibilidades da cidadanía de atopar un traballo, todos coincidiron en que cómpre darlle un pulo ás microformacións dentro da formación para o emprego, por ser máis flexibles e fáciles de adaptar ás necesidades do mercado laboral. Unhas formacións de curta duración que xa se están a implementar en Galicia e que se van potenciar en Europa.

A maiores, no encontro avogaron por impulsar iniciativas innovadoras no rural co gallo de vertebrar o territorio e fixar poboación atraendo novos emprendedores e traballadores.

Tendencia positiva do mercado laboral

Na xuntanza tamén se falou da tendencia positiva do mercado laboral, que en Galicia se constata cos mínimos históricos de paro rexistrados no pasado mes de maio. Nese senso, tamén analizaron algúns dos datos máis relevantes para a nosa Comunidade recollidos pola Fundación Galicia Europa -tamén presente no encontro- ao respecto do 9º Informe de Cohesión, o documento no que a Comisión Europea avalía cada tres anos a situación da cohesión económica, social e territorial da UE, e que serve de base para o actual debate sobre a futura política rexional.

Este informe sinala -entre outros aspectos- que Galicia se caracteriza por un ritmo de crecemento económico alto nos últimos 20 anos, máis acelerado que o español e europeo. Dentro desa tendencia, o mercado laboral galego supera o ritmo de crecemento medio europeo para os sectores TIC e as actividades científico-técnicas e administrativas. Ademais, Galicia presenta unha das menores diferenzas entre as taxas de emprego feminino e masculino de Europa.

Cómpre engadir que no encontro tamén se abordou o Fondo Social Europeo, o principal instrumento co que Europa apoia a creación de emprego, axuda as persoas a conseguir mellores postos de traballo e garante oportunidades laborais máis xustas para a cidadanía da UE. Uns fondos que, en opinión da representante comunitaria, se están executando de xeito satisfactorio en Galicia.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data