Actualidade
Portada » Actualidade » Análise FGE da actualidade comunitaria »
Conclusións do 9º Informe de Cohesión desde unha perspectiva galega
Desde a súa creación, a Unión Europea (UE) baséase nun ideal de solidariedade, igualdade de oportunidades e equilibrio territorial. Desde o principio existiron grandes disparidades territoriais e demográficas en Europa, que poderían constituír obstáculos ao proceso de integración europea e á propia estabilidade e da UE. Por eso mesmo perséguese o obxectivo da cohesión, entendida como o desenvolvemento harmonioso de toda a UE, o equilibrio entre rexións e a redución das disparidades territoriais.
Ante a incapacidade das forzas do mercado de garantir por si soas unha repartición equitativa dos beneficios económicos e sociais do crecemento e o desenvolvemento na UE, a Política de Cohesión encárgase diso, apoiando aos Estados membro e ás rexións. Para garantir a transparencia e avaliar a súa eficacia e eficiencia, cada tres anos a Comisión Europea publica un Informe sobre a Cohesión, que avalía a situación actual da cohesión económica, social e territorial da UE e presenta os progresos e leccións aprendidas no marco da política de cohesión. Faino analizando unha ampla gama de indicadores, como a prosperidade económica, o emprego, os niveis de educación ou a evolución demográfica.
Nas próximas páxinas, presentaremos de maneira detallada os principais resultados que lanza a 9.ª edición do informe -publicado pola Comisión o 27 de marzo de 2024- en relación coa situación de Galicia baixo o prisma da política de cohesión e desenvolvemento rexional europea.