• O
    director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o secretario
    xeral do Mar, Juan Maneiro, reuníronse en Bruxelas con varios grupos de
    interese do ditame sobre o futuro da acuicultura
  • Tamén se
    mantiveron encontros no seo do Parlamento Europeo e da Comisión

 

Bruxelas, 23 de abril de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,
participou hoxe en Bruxelas nun encontro coas partes interesadas do ditame
sobre o futuro da acuicultura europea do que é relator no seo do Comité das
Rexións europeo (CdR). Gamallo estivo acompañado do experto designado para a
elaboración deste ditame, o secretario xeral do Mar da Consellería do Medio
Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Juan Maneiro.

As
cuestións tratadas serán tidas en conta para enriquecer o documento que será
sometido a un primeiro debate o próximo 5 de maio na Comisión de Recursos
Naturais (NAT) do Comité das Rexións (CdR) antes de someterse a aprobación na
seguinte reunión NAT do mes de xuño e, finalmente, na sesión plenaria do mes de
outubro.

No
contexto destas consultas previas Gamallo e Maneiro tamén se reuniron con
varios membros da comisión de Pesca do Parlamento Europeo e cun alto
funcionario da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión
Europea.

Con
este ditame, Galicia propón ao CdR identificar os obstáculos que dificultan o
bo desenvolvemento da acuicultura europea e recomendar posibles solucións. O
texto centrarase en aspectos de gran relevancia para a mellora deste sector
como a competitividade, a sustentabilidade medioambiental ou a cadea de comercialización
e distribución, entre outros.

O
debate articulouse en torno a seis cuestións preliminares como as posibilidades
de reducir a regulamentación sen poñer en xogo a sustentabilidade
medioambiental, os retos que afronta o sector ou a percepción por parte dos
consumidores dos produtos acuícolas, entre outros. No debate participaron unha
decena de organizacións a nivel europeo, tanto de ámbito ambiental como Seas at
Risk, como os representantes dos produtores, entre eles a Asociación Europea de
Produtores de Moluscos (EMPA) e a European Aquaculture Society.

En
anteriores ditames o CdR xa apoiara o desenvolvemento da acuicultura europea
como un sector de especial relevancia para a industria. A acuicultura crea
emprego en áreas estruturalmente débiles, polo que un impulso a este sector
contribuiría a que a UE alcanzase os seus obxectivos en materia de cohesión
territorial, desenvolvemento rural e crecemento económico.

A acuicultura na UE

Mentres que, a nivel mundial, nas últimas décadas a acuicultura ten crecido ao
redor dun 8% por ano e representa en torno ao 40% da produción pesqueira total,
en Europa a produción acuícola está a diminuír e non chega a representar un 20
% da produción mundial na última década. Na actualidade, só un 10% do pescado e
marisco consumido dentro da UE procede da acuicultura.

Globalmente, existe un
desequilibrio entre a produción acuícola asiática e a europea. Asia representa
xa preto do 88% da produción acuícola mundial, sendo China o país que máis
contribúe a esta cifra. Os produtos asiáticos formulan a miúdo interrogantes no
relativo á sustentabilidade medioambiental, o cumprimento da normativa
pesqueira e os dereitos dos traballadores. Estas importacións exercen unha
presión cada vez maior aos produtores europeos no que se refire ao prezo e
volume de produción.

A comisión NAT do Comité das Rexións
Galicia foi designada para facer o ditame sobre o futuro da acuicultura na
comisión NAT do Comité das Rexións. O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea
consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión
Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular
é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro
suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste
mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT
encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC) e desenvolvemento
rural, a pesca, o turismo, a política marítima ou a silvicultura.

Novas relacionadas