Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Traballo » A plataforma Interreg Europe promove o proxecto Digital Young Ambassadors para pemes

A plataforma Interreg Europe promove o proxecto Digital Young Ambassadors para pemes

01/06/2026 | ,

— A plataforma Interreg Europe promove o proxecto Digital Young Ambassadors for SMEs (DYAS) como exemplo de boas prácticas recoñecendo a súa contribución ás pemes e á incorporación da mocidade ao ámbito laboral no rural.

Santiago, 1 de xuño de 2026. Interreg Europe é un programa de cooperación interrexional que busca reducir as disparidades nos niveis de desenvolvemento, crecemento e calidade de vida dentro das rexións europeas e entre elas. Encárgase de axudar aos gobernos locais, rexionais e nacionais de toda Europa a desenvolver e aplicar mellores políticas, ao tempo que crea un contorno de oportunidades para compartir solucións aos problemas de desenvolvemento rexional. Para iso, apoia o intercambio de boas prácticas e a aprendizaxe de políticas entre rexións europeas en 36 países.

As leccións aprendidas contribúen á mellora das políticas rexionais e a un impacto económico, social e ambiental sostible sobre o territorio, en beneficio das persoas e das comunidades ás que serven.

RuralYouthFuture, un dos proxectos de Interreg Europe, busca mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil para o desenvolvemento rural sostible. Esta ambiciosa iniciativa reúne entidades municipais, rexionais e nacionais co obxectivo común de atender as necesidades específicas da mocidade nas zonas rurais.

As boas prácticas vinculadas a este proxecto son un elemento clave para a implementación das accións previstas, co obxectivo de xerar oportunidades de emprego xuvenil e reforzar as habilidades e competencias da mocidade. Presentada pola Fundación Galicia Europa, a boa práctica Digital Young Ambassadors for SMEs (DYAS) produciu notables resultados en termos de participación xuvenil e apoio aos negocios do rural.

DYAS abordou a urxente necesidade de transformación dixital e empoderamento xuvenil nas zonas rurais e transfronteirizas do norte de Portugal e Galicia (España). Estas áreas enfrontan altos niveis de desemprego xuvenil, despoboación e déficit de competencias dixitais, especialmente entre as pequenas empresas.

A mocidade da Eurocidade Chaves-Verín tivo a oportunidade de participar nun programa no que recibiu formación en marketing, comunicación e dixitalización. Posteriormente, asignóuselle a distintos proxectos empresariais da zona, onde apoiou a emprendedores nos seus procesos de dixitalización durante dous meses.

Este proxecto destaca polo seu carácter innovador, baseado nun modelo que combina formación inicial en comunicación dixital coa aplicación práctica dos coñecementos adquiridos, traballando man a man coas pemes locais. Ao requirir competencias básicas e servizos dixitais accesibles, trátase dunha práctica facilmente replicable noutras rexións.

O balance do proxecto foi moi positivo, tanto pola oportunidade formativa ofrecida á mocidade como polo diálogo interxeracional e interdisciplinario fomentado entre as pemes. Destacouse o intercambio de aprendizaxes, facilitando a transmisión de coñecementos aos empresarios para continuar desenvolvendo as súas redes sociais no futuro.

Obtivéronse resultados notables en canto á participación xuvenil e ao apoio ás empresas rurais. Un total de 21 mozos e 17 pemes participaron no programa. Creáronse e implementáronse máis de 50 pezas e campañas de contido dixital, impulsando a presenza en liña das pemes da rexión. As súas redes sociais experimentaron un crecemento significativo en interacción e alcance.

Neste proxecto do programa Erasmus+ participaron distintos socios: a Eurociudade Chaves-Verín, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, a ADRAT (Asociación Desenvolvemento Rexión do Alto Tâmega) e a FGE (Fundación Galicia Europa).

Máis información

RuralYouthFuture

Digital Young Ambassadors for SMEs (DYAS)

© Eurocidade Chaves-Verín, 2022

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data