Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Eventos » A FGE presenta as claves de RuralYouthFuture para impulsar a mocidade rural

A FGE presenta as claves de RuralYouthFuture para impulsar a mocidade rural

29/07/2026 |

A Fundación participou nunha xornada en Meaus que reuniu representantes de asociacións, mocidade e concellos rurais da provincia

— O encontro serviu para presentar o diagnóstico territorial galego e as barreiras ao emprendemento xuvenil no rural

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026. A Fundación Galicia Europa participou o pasado 4 de xullo nun evento de comunicación do proxecto europeo RuralYouthFuture, celebrado en Meaus (Ourense), que reuniu máis de vinte persoas entre representantes de asociacións, mocidade e concellos rurais da provincia de Ourense.

Este encontro enmarcouse nas actividades de seguimento, difusión dos resultados e eventos locais desta iniciativa europea, orientada a reforzar as oportunidades da mocidade no medio rural e a apoiar o desenvolvemento destes territorios.

A presenza da Fundación nesta xornada responde ao seu labor de promoción da participación galega en proxectos europeos e de apoio á cooperación institucional arredor de políticas e actuacións de interese para Galicia.

A xornada serviu para proxectar os avances logrados desde o arranque do proxecto, facer balance das actividades de intercambio de coñecemento desenvolvidas até a data.

Durante a sesión, a Fundación deu a coñecer os principais resultados do diagnóstico territorial realizado en Galicia, que identifica as barreiras estruturais ao emprendemento xuvenil no rural (como o acceso á vivenda, a brecha dixital, a escaseza de servizos básicos e a falta de itinerarios formativos adaptados). Así mesmo, propuxéronse medidas concretas baseadas na cooperación entre administracións e no aproveitamento sinérxico dos fondos FEADER, FSE+ ou Erasmus+.

A Fundación Galicia Europa reafirma, coa súa participación activa neste foro, o seu compromiso coa cohesión territorial e co desenvolvemento sostible do rural galego, en liña cos obxectivos da Política de Cohesión 2021-2027 e coa Estratexia Europea para a Xuventude. A entidade seguirá a traballar na capitalización dos resultados do proxecto para a súa transferencia a políticas públicas autonómicas e locais.

Que é RuralYouthFuture?

RuralYouthFuture é un proxecto financiado por Interreg Europe que impulsa o emprego xuvenil e o desenvolvemento rural a través do intercambio de boas prácticas e a mellora das políticas públicas. A iniciativa reúne socios de oito países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia, Bélxica e Serbia, e atopase financiado polo FEDER.

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data