• Feijóo destaca o compromiso de Galicia co deseño da Europa do s. XXI, a través dun Sistema Galego de Saúde centrado na humanización do servizo e no deseño dos espazos sanitarios máis amables e sostibles.
  • O Servizo Galego de Saúde é un dos 14 socios españois admitidos pola Comisión Europea para este proxecto.
Bruxelas, 14 de xuño do 2021. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, por medio dunha mensaxe de vídeo que se proxectou durante a exposición do proxecto galego presentado para a Nova Bauhaus Europea que está a impulsar a UE, o compromiso de Galicia no deseño da Europa do Século XXI, a través dun Sistema Galego de Saúde centrado na humanización do servizo e no deseño dos espazos sanitarios máis amables e sostibles.
O presidente da Xunta resaltou que o Sistema Galego de Saúde é o único servizo sanitario europeo admitido como socio desta iniciativa. “E isto é así porque o proxecto que promovemos desde a Comunidade non é exclusivamente sanitario”, recoñeceu, resaltando a utilización do servizo de saúde como eixe vertebrador da transformación cultural, cos profesionais sanitarios como prescriptores do cambio e encaixando, ademais, outras políticas de promoción do deseño, protección da paisaxe ou economía circular.

“A candidatura que presentamos aspira a mostrar unha Galicia total. Un proxecto que encaixe os Camiños de Santiago coa innovación no deseño, a mobilidade sostible, o uso da madeira, a integración paisaxística e a humanización sanitaria”, abundou, incidindo en que os valores inspiradores desta Nova Bauhaus Europea son os mesmos que fundamentan moitas das grandes prioridades do Executivo autonómico nos últimos tempos.
Nesta liña, recordou que Galicia ten en marcha, desde fai uns anos, un programa de deseño co obxectivo de convertelo nun motor de innovación empresarial; conta cunha axenda da industria forestal en liña cos principios da economía circular e que impulsa o uso deste material nas construcións propias; “e somos referentes no coidado da nosa paisaxe, despois de anos avanzando nun catálogo das nosas paisaxes e cunhas directrices para asegurar a integración paisaxística de todas as construcións”, explicou.
O presidente da Xunta quixo ademais agradecer a colaboración neste proxecto das universidades galegas, dos clústeres e dos colexios oficiais e fundacións, demostrando que o tecido socioeconómico de Galicia tamén avanza por estas liñas.
Pola súa banda, durante a súa intervención, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou a importancia de aproveitar o contexto da transición ecolóxica para crear unha cultura da sostibilidade; unha cultura que, precisamente, xa está reflexada no proxecto presentado hoxe.
O consellerio de Sanidade remarcou o “carácter transversal do proxecto”, así como doble impacto positivo que terá no ámbito sanitario, ao proxectarse novos espazos que conxugarán, a función terapéutica con entornos de reunión e lecer. “Estamos diante dunha transformación cultural e social baseada na sustentabilidade que ten que ter espazos deseñados dun modo acorde a esta sensibilidade”, concluíu García Comesaña.
No acto interviñeron tamén a directora da representación da Comisión Europea en España, Ángeles Benítez, e o presidente do Intergrupo Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e Outras Rutas Culturais Europeas, Francisco Millán, representantes das distintas entidades implicadas no proxecto galego e representantes dos outros socios españois da iniciativa.
Nova Bauhaus Europea
Galicia participa na nova Bauhaus Europea, unha iniciativa creativa e interdisciplinar promovida polas institucións europeas que abre un espazo de encontro para deseñar futuros xeitos de vivir e se sitúa na encrucillada entre arte, cultura, inclusión social, ciencia e tecnoloxía.
O proxecto galego está encabezado polo Servizo Galego de Saúde, que é un dos 14 socios españois admitidos pola Comisión Europea para este proxecto, mais ten detrás a colaboración de outros organismos da Xunta como a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ou a Axencia de Coñecemento en Saúde de Galicia (ACIS), así como as tres universidades galegas a través dos seus campus e centros de investigación especializados no eido ambiental e da sostibilidade, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, clústeres como o de Saúde ou o da Madeira e o Deseño ou fundacións como a Juana de Vega, FEUGA ou ERLAC.
A candidatura galega utiliza o sector saúde como eixo vertebrador dun proxecto integral de transformación cultural baseada na sostibilidade que utilizará os Camiños de Santiago como símbolo para desenvolver actuacións de deseño de espazos sostibles no entorno das infraestruturas sanitarias.
Galicia xa ten avanzado na relación estreita entre saúde e medio ambiente e, de feito, o SERGAS xa estaba adherido a proxectos europeos de economía circular, descarbonización e loita contra o cambio climático, con proxectos premiados a nivel mundial pola Rede Global de Hospitais Verdes e Saudables, un organismo internacional que agrupa aos centros e servizos de saúde máis comprometidos na loita contra o cambio climático e en favor dun mundo máis saudable.