Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Asuntos Marítimos » O Parlamento Europeo aproba as novas regras europeas de control da pesca

O Parlamento Europeo aproba as novas regras europeas de control da pesca

19/10/2023 | ,

— Todas as capturas deberán rexistrarse dixitalmente, incluídas as da pesca recreativa.

— Aplicaranse medidas de control máis estritas para os buques máis grandes, que deberán levar cámaras de vixilancia a bordo.

— As sancións dentro da Unión estarán máis harmonizadas.

Estrasburgo, 17 de outubro de 2023. O Parlamento Europeo adoptou en primeira lectura a súa decisión relativa á proposta da Comisión de revisión do Sistema de Control da Pesca da UE. A lexislación, que busca garantir a trazabilidade da pesca en toda a cadea de subministración, foi aprobada polo pleno con 438 votos a favor, 146 en contra e 40 abstencións. Obrigará a todos os barcos pesqueiros a levar a bordo un dispositivo de localización para que as autoridades nacionais poidan localizalos e identificalos a intervalos regulares. Algúns buques de pequena escala poderán quedar exentos desta obrigación ata 2030 e todas as frotas pesqueiras de pequena escala disporán de ata catro anos para adaptarse aos novos requisitos.

A nova normativa axudará a recompilar datos máis precisos, para unha mellor xestión dos recursos mariños. Todos os buques da Unión sen excepción terán que rexistrar e declarar as súas capturas de forma dixitalizada. En concreto, deberán encher por vía electrónica os cadernos diarios de pesca, as declaracións de transbordo e as declaracións de desembarque. Os capitáns de buques de menos de 12 metros poderán cumprimentar e presentar unha declaración simplificada ao final da xornada de pesca, unha vez chegados a porto e antes de desembarcar.

Por primeira vez, os barcos de pesca recreativa tamén deberán declarar as súas capturas a través de sistemas electrónicos creados polas autoridades nacionais ou a Comisión Europea.

Armonización das sancións e marxes de tolerancia

O Regulamento tamén aborda as grandes disparidades que existen actualmente entre os países da UE en materia de sancións. O valor dos produtos da pesca capturados por un buque definirá agora o nivel mínimo das multas que se lle aplicarán en caso de infracción grave das normas.

A marxe de tolerancia -a diferenza entre a estimación do peixe capturado e o seu peso no porto de desembarque- fixarase nun 10% por especie, con algunhas excepcións para as capturas de pequeno volume e para algunhas especies concretas.

Garantir a obriga de desembarque e a trazabilidade 

Para garantir o cumprimento da denominada obrigación de desembarque, os buques da UE de 18 metros ou máis que poidan supoñer un alto risco de incumprimento terán que levar a bordo sistemas electrónicos de seguimento a distancia, incluído un circuíto pechado de televisión, como moi tarde catro anos despois da entrada en vigor da lexislación.

Os operadores terán que conservar información durante toda a cadea de subministración, desde o mar ata o prato, incluída sobre a primeira venda ata a chegada dos produtos á distribución minorista. A trazabilidade electrónica plena do peixe e os seus derivados debería contribuír a reforzar a seguridade alimentaria, garantir unha competencia máis leal e combater a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

Próximos pasos

Unha vez adoptado formalmente polo Consello da UE, o Regulamento entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no Diario Oficial. Con todo, varias medidas aplicaranse gradualmente, dando aos Estados membro e ás frotas pesqueiras tempo suficiente para adaptarse.

Contexto

A Comisión Europea propuxo unha revisión do sistema de control da pesca en 2018 para modernizar e simplificar as normas de seguimento das actividades pesqueiras e garantir o cumprimento da Política Pesqueira Común.

Máis información: Parlamento Europeo

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data