Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos »O futuro da pesca europea centra en Bruxelas as reivindicacións lideradas por Galicia
— A presidenta do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, Marta Villaverde, encabezou unha delegación de rexións costeiras nun encontro coa Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea para abordar a actualización da Política Pesqueira Común, a modernización da frota e a futura Visión 2040.
Bruxelas, 20 de outubro de 2026. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, encabezou en Bruxelas unha delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) nunha reunión de traballo coa Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE).
O encontro reuniu representantes de rexións do Atlántico, o Mediterráneo e o mar do Norte para trasladar as prioridades dos territorios costeiros ante os retos que afronta o sector pesqueiro europeo.
Na súa condición de presidenta do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, Villaverde dirixiu a delegación e defendeu a necesidade de revisar a Política Pesqueira Común (PPC) para adaptala á realidade actual das flotas e das comunidades que dependen da actividade pesqueira. A reunión permitiu abordar tamén a futura Visión 2040 para a pesca, a acuicultura e a transformación, así como os desafíos asociados ao próximo marco financeiro plurianual da Unión Europea.
Unha Política Pesqueira Común adaptada aos retos actuais
Durante o encontro, as rexións defenderon unha revisión da PPC centrada nas disposicións que dificultan a evolución do sector, sen renunciar aos obxectivos de sustentabilidade ambiental nin á xestión dos recursos baseada na evidencia científica.
A delegación puxo de manifesto que, malia os avances acadados nos últimos anos na conservación dos recursos mariños, persisten desafíos relacionados coa rendibilidade da actividade pesqueira, o envellecemento da frota, a falta de relevo xeracional e a situación socioeconómica de numerosas comunidades costeiras.
Neste contexto, reclamouse un enfoque que permita avanzar de maneira conxunta na protección dos ecosistemas mariños e na viabilidade económica e social da pesca, recoñecendo o seu papel estratéxico na seguridade alimentaria, no emprego e na actividade económica das rexións marítimas europeas.
Modernización da frota e relevo xeracional
A renovación dos buques foi unha das principais cuestións abordadas. As rexións defenderon a necesidade de facilitar a modernización da frota europea, mellorando a seguridade, a habitabilidade e a eficiencia enerxética das embarcacións sen que estas actuacións impliquen necesariamente un aumento da capacidade pesqueira.
A posición trasladada á Comisión aposta por unha renovación «neutra en capacidade», que permita adaptar os buques ás necesidades actuais e avanzar na transición enerxética sen incrementar a presión sobre os recursos.
A modernización considérase tamén unha condición importante para favorecer o relevo xeracional, mellorar as condicións laborais e facer máis atractiva a profesión pesqueira para a mocidade. Neste sentido, a delegación incidiu na necesidade de que o futuro marco financeiro da UE teña en conta os investimentos que require o sector para afrontar estes desafíos.
Revisar a obriga de desembarque e avanzar na selectividade
Outro dos eixes da reunión foi a aplicación da obriga de desembarque, unha das cuestións que as rexións consideran necesario revisar no marco da futura evolución da PPC.
A delegación defendeu que se dea prioridade á prevención das capturas non desexadas, á mellora da selectividade das artes de pesca e á innovación científica e tecnolóxica. O obxectivo é avanzar cara a unha aplicación da normativa máis adaptada á realidade das distintas pesqueiras, tendo en conta a información científica dispoñible e as características específicas das artes empregadas. Como exemplo, a conselleira do Mar expuxo o caso do palangre semipeláxico coñecido como «pedra-bóla», empregado pola frota de Burela. Villaverde referiuse aos resultados dun estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), baseado na análise de máis de 6,3 millóns de anzois, para solicitar unha revisión da clasificación técnica desta arte de pesca á luz da evidencia científica.
Maior participación das rexións nas políticas europeas
A reunión serviu tamén para reivindicar o papel das administracións rexionais no deseño e na aplicación das políticas pesqueiras europeas. As rexións marítimas consideran fundamental que a súa experiencia directa e o coñecemento das realidades locais se incorporen ás decisións que afectan ás flotas e ás comunidades costeiras.
Neste sentido, a delegación defendeu que os territorios pesqueiros participen activamente na elaboración dos futuros plans nacionais e rexionais de asociación, de maneira que as necesidades específicas das distintas zonas costeiras queden reflectidas na planificación e na distribución dos recursos comunitarios.
A conselleira do Mar invitou, ademais, representantes da DG MARE a visitar Galicia para coñecer de primeira man a realidade das súas comunidades pesqueiras e abriu a porta á súa participación en futuras reunións do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, co propósito de manter un diálogo institucional continuado.
A Visión 2040 e o futuro do financiamento europeo
A futura Visión 2040 para a pesca, a acuicultura e a transformación constituíu outro dos asuntos centrais do encontro. Este marco permitirá reflexionar sobre os retos a longo prazo do sector, entre eles a evolución da demanda e da oferta, a dispoñibilidade de man de obra e as necesidades de infraestruturas e financiamento.
As rexións destacaron a importancia de que esta perspectiva estratéxica se acompañe dun marco financeiro comunitario suficiente para apoiar a modernización da frota, a transición enerxética, a innovación e a incorporación de novas xeracións ao sector.
A reunión en Bruxelas enmárcase nos traballos impulsados pola CRPM para contribuír á evolución da Política Pesqueira Común e trasladar ás institucións europeas a perspectiva dos territorios marítimos. Desde a presidencia galega do seu Grupo de Traballo de Pesca, a CRPM continúa promovendo o diálogo entre as rexións e a Comisión Europea para avanzar cara a unha pesca europea sostible, competitiva e con futuro.
Máis información: Xunta de Galicia
A Comisión presenta a súa Visión 2040 para a pesca e a acuicultura
© Fundación Galicia Europa, 2026