Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Galicia no mapa europeo das enerxías renovables

Galicia no mapa europeo das enerxías renovables

25/11/2026 |

— A Comisión Europea e a Xunta coinciden na necesidade de reforzar as redes eléctricas e garantir o retorno social dos proxectos para avanzar na transición enerxética. 

Bruxelas, 25 de novembro de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou un novo Encontro Virtual Xunta-UE centrado no desenvolvemento das enerxías renovables e nos desafíos que afrontan tanto Galicia como a Unión Europea para acelerar a transición enerxética mantendo o equilibrio entre competitividade, sustentabilidade e integración territorial.

A sesión foi inaugurada por Ana Ramos Barbosa, directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, quen destacou o papel estratéxico das enerxías renovables para reforzar a autonomía enerxética e avanzar nos obxectivos climáticos da Unión. No encontro participaron Paula Rey García, xefa de Unidade de Política de Enerxías Renovables e Integración do Sistema Enerxético da Comisión Europea, e Juan Vidal Herrador, subdirector xeral de Enerxías Renovables da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Paula Rey García explicou que as renovables representan xa o 26 % do consumo final bruto de enerxía da UE e arredor do 50 % da súa xeración eléctrica. Neste contexto, explicou o traballo actual da Unión Europea para acelerar a electrificación da economía, modernizar as redes e simplificar os procedementos de autorización de novos proxectos enerxéticos.

Pola súa banda, Juan Vidal presentou a situación actual das renovables en Galicia, que conta con 194 parques eólicos en funcionamento e preto de 4.000 megavatios de potencia instalada. Ademais, destacou que existen outros 133 parques autorizados pendentes de entrar en servizo, unha parte deles afectados por procedementos xudiciais.

Así mesmo, o representante da Xunta explicou as medidas impulsadas para favorecer unha mellor integración das instalacións renovables e garantir un retorno social e económico para os territorios que as acollen.

Durante o debate, ambas as partes coincidiron en que a aceptación social, o reforzo das redes eléctricas, o almacenamento enerxético e o desenvolvemento de novas tecnoloxías serán factores determinantes para alcanzar os obxectivos climáticos europeos e aproveitar plenamente o potencial renovable de Galicia.

O encontro enmárcase nun convenio de colaboración entre a FGE e a Consellería de Facenda e Administración Pública para a comunicación sobre fondos europeos en Galicia. Este intercambio de coñecemento entre as institucións comunitarias e a administración autonómica pretende contribuír á programación do fondos europeos no vindeiro período financeiro, a partir de 2028.

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data