Actualidade

Portada » Actualidade » Oito eventos da #EURegionsWeek24 con pegada galega que non podes perder

Oito eventos da #EURegionsWeek24 con pegada galega que non podes perder

23/09/2024 | , ,

Bruxelas, 23 de setembro de 2024. Do 7 ao 10 de outubro, Bruxelas acollerá un ano máis a Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek24), organizada polo Comité Europeo das Rexións (CDR) e a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG REGIO) da Comisión Europea.

Baixo o lema «Capacitar ás rexións», milleiros de cidadáns, administracións e entes locais e rexionais, institucións da UE, representantes políticos, académicos, de ONG e do sector privado compartirán coñecementos, experiencias e ideas sobre aspectos prácticos e territoriais relacionados coa política de cohesión.

Por suposto, Galicia volverá deixar a súa pegada nesta cita anual. Deseguido podes consultar os oito eventos que dende a Fundación Galicia Europa cremos que non podes perder. Podes consultar os seus detalles no enlace xuntado a cada proposta.

1. Empoderando á mocidade para impulsar o rural

Nunha charla organizada pola Fundación Galicia Europa, abordarase un asunto clave na nosa comunidade: as oportunidades para a mocidade nun contexto de reto demográfico e de despoboamento do rural. Galicia participa en varios proxectos da UE que están dando resultados interesantes para mellorar as economías locais formando a mozos como líderes comunitarios ou creando unha rede de embaixadores dixitais para as pemes.

Mércores, 9 de outubro | 16:30h
Edificio Jacques Delors (JDE 60)
Máis información

2. Impulsar a transformación: desenvolvemento do talento nas rexións automobilísticas

Seminario organizado por CoRAI, o grupo interrexional do automóbil do Comité Europeo das Rexións e a Alianza de Rexións Automobilísticas, das que forma parte Galicia. Exploraranse as perspectivas rexionais dos responsables políticos e doutras partes interesadas sobre o impacto das transicións ecolóxica e dixital nestes territorios. O debate centrarase na atracción de talento, especialmente, o da mocidade, e na reciclaxe e a mellora das cualificacións dos traballadores do sector da automoción.

Mércores, 9 de outubro | 9:30h
Edificio Jacques Delors (JDE 51)
Máis información

3. Política de cohesión e talento: dous aliados para construír rexións con futuro

Da man dalgúns dos territorios que, como Galicia, forman parte da Rede de Rexións europeas con Desafíos Demográficos (DCRN), abordarase o papel da política de cohesión para facer fronte a este reto. O obxectivo é fomentar o debate sobre a necesidade de adoptar medidas para mitigar as tendencias demográficas e propor solucións á perda de talento nalgunhas zonas. Como conclusión, presentarase un documento conxunto destas rexións en relación co futuro da política de cohesión máis alá de 2027.

Martes, 8 de outubro | 16:30h
Edificio Jacques Delors (JDE 53)
Máis información

4. Como están a innovar as rexións para garantir unha transición xusta cara unha economía baseada no hidróxeno

A Iniciativa Vanguard, da que Galicia forma parte, amosará os esforzos que están a facer varias rexións para construír contornas saudables para as súas comunidades e as xeracións futuras, e manterá un debate sobre as repercusións positivas neste senso do desenvolvemento da industria do hidróxeno.

Mércores, 9 de outubro | 14:00h
Rotonda de Schuman, 6
Máis información

5. Asemblea Dixital de Living-in.EU

Living-in.EU é unha iniciativa na que participan 169 gobernos locais, rexionais e nacionais para promover o desenvolvemento da tecnoloxía dixital e acadar, así, os seus obxectivos de sostibilidade e neturalidade climática. Esta “asemblea dixital” é o acto anual no que debaten as súas prioridades. Está organizada pola rede de Rexións pola I+D+i (ERRIN) que integra Galicia.

Mércores, 9 de outubro | 14:30h
Edificio Jaques Delors (JDE 51)
Máis información

6. Como potenciar o talento rexional: fomento das capacidades, recursos e a identidade cultural locais para o desenvolvemento sostible

A Xunta participará neste diálogo no que se compartirán as historias de éxito e boas prácticas de varias rexións, centrándose nas habilidades, recursos e iniciativas únicas que contribúen ao desenvolvemento sostible. Galicia achegará a súa experiencia no fomento do emprendemento rural.

Martes, 8 de outubro | 9:30h
Edificio Jaques Delors (JDE 52)
Máis información

7. Sesión temática de alto nivel «As rexións teñen talento» 

Ante oreto demográfico, a propia Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) propón repasar a historia dos fondos de cohesión e ferramentas como a Plataforma de Aproveitamento do Talento ou o Mecanismo de Impulso do Talento, entre outras iniciativas para axudar ás rexións a formar, reter e atraer a persoas cualificadas.

Mércores, 9 de outubro | 14:30h
Autoworld (Sala de reuniones Minerva)
Máis información

8. Creación de capacidades locais e rexionais sólidas co apoio técnico da UE

O Instrumento de Apoyo Técnico (TSI) será o protagonista desta sesión organizada pola Dirección Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais (DG REFORM). Trátase do programa de apoio ás administracións públicas para a execución de reformas derivadas das recomendacións que realiza a UE no marco do Semestre Europeo. A convocatoria actual, aberta ata o 31 de outubro, cobre 15 áreas prioritarias, como o cambio demográfico ou a axenda dixital e medioambiental.

Xoves, 10 de outubro | 9:00h
Bruxelas (Lugar pendente de definir)
Máis información

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data