Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade » Galicia leva a súa voz a Bruxelas na Semana Europea das Rexións e Cidades

Galicia leva a súa voz a Bruxelas na Semana Europea das Rexións e Cidades

21/10/2026 |

— Cooperación transfronteiriza, xestión da auga e dixitalización das empresas centraron os debates con participación galega na 24ª edición deste evento anual de referencia para as políticas locais e rexionais

Bruxelas, 21 de outubro de 2026. A celebración da Semana Europea das Rexións e das Cidades reuniu en Bruxelas arredor de 5.000 participantes de toda Europa en torno a máis de cen charlas, obradoiros e seminarios. A Fundación Galicia Europa impulsou un ano máis a participación galega nesta gran plataforma de intercambio para dar resposta aos retos rexionais e urbanos.

O luns, 12 de setembro, a Área Metropolitana do Porto impartiu unha charla sobre a gobernanza multinivel e o futuro orzamento europeo. A directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, interveu para dar exemplos da cooperación entre Galicia e Norte de Portugal e explicar o papel que demanda Galicia nos futuros plans de colaboración nacional e rexional.

O martes 13, foi o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen presentou o modelo das comunidades de usuarios de auga impulsado a través dos programas +Aqua e +Novaqua. A iniciativa, que mobilizou 8,5 millóns de euros e permitiu apoiar preto dun milleiro de proxectos, foi presentada como un exemplo de colaboración público-comunitaria para afrontar os retos demográficos, ambientais e de abastecemento no medio rural.

Por último, o mércores 14 de outubro, a oficina da FGE en Bruxelas acolleu o seminario “A dixitalización de Europa na próxima década”, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do proxecto europeo BEST_DIH. A xornada reuniu a representantes de GAIN e das rexións socias do proxecto para facer balance dos Polos Europeos de Innovación Dixital (European Digital Innovation Hubs EDIH) durante a última década. A directora da GAIN, Carmen Cotelo, explicou a aposta de Galicia por tecnoloxías estratéxicas como a Intelixencia Artificial, a cuántica ou a biotecnoloxía, destacando a futura factoría europea de IA 1HealthAI, o novo Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia e a Estratexia de Biotecnoloxía 2026-2030. Pola súa parte, o Hub de innovación dixital de Galicia (DIHGIGA) presentou o seu labor de dixitalización en sectores como a alimentación ou textil, e empresas empresas líderes do sector tecnolóxico, como IQM ou Fsas Technologies, ofreceron a súa visión sobre as principais tendencias e claves en materia de intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas.

Outras actividades

A Fundación Galicia Europa participou tamén noutros seminarios organizados por distintas redes nas que participa Galicia como o evento de alto nivel organizado pola Alianza pola Cohesión no Comité Europeo das Rexións. Baixo o título Participación dos entes locais e rexionais nos Plans de colaboración nacional e regional: mito ou realidade?, durante a sesión presentáronse diversos estudos sobre a participación das autoridades locais e rexionais na preparación destes plans que canalizarán os investimentos europeos no período 28-34, o que serviu de base para debater sobre a gobernanza destes plans e a aplicación efectiva do principio de asociación.

Outro dos encontros destacados foi o obradoiro Barreiras ao dereito a quedar: Como a conectividade de transporte afecta ao actractivo dos territorios, organizado pola Rede de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico (DCRN), que puxo o foco na importancia das infraestruturas de mobilidade para garantir dereito das persoas a permanecer no seu lugar de orixe sen verse obrigadas a marchar pola falta de servizos ou oportunidades. Segundo a Comisión Europea, un de cada tres europeos abandona a súa rexión por estes motivos, polo que se prevé que a comezos de 2027 se adopte un plan para impulsar este dereito, entendido como a liberdade de elixir entre quedar ou marchar.

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data