Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Competitividade »Dúas novas estratexias para a mellora do Mercado Único e o impulso das empresas emerxentes
— A Comisión Europea proponse crear un mercado interior máis sinxelo, fluído e forte
Bruxelas, 21 de maio de 2025. A Comisión Europea presentou hoxe unha Estratexia para o Mercado Único co obxectivo de crear un mercado interior europeo máis sinxelo, fluído e forte. A Estratexia establece medidas valentes para reducir os obstáculos existentes que frean o comercio e os investimentos dentro da UE, presta apoio ás pemes para operar e ampliar as súas actividades e alivia a carga das empresas impulsando a dixitalización. A Estratexia fai un chamamento aos Estados membros para que contribúan a facer do mercado da UE a mellor opción posible para as empresas, os traballadores e os consumidores.
No mundo actual, marcado pola volatilidade económica e as tensións comerciais, o mercado da UE é o principal motor da nosa competitividade. O mercado da UE aumentou o PIB comunitario nun 3-4 % como mínimo e creou 3,6 millóns de postos de traballo desde a súa creación. Unha realización máis completa do mercado único duplicaría os beneficios xa acadados.
A Estratexia para o Mercado Único céntrase en varias prioridades
Eliminar obstáculos
Se ben recoñece a necesidade de traballar para eliminar todos os obstáculos, a Estratexia céntrase na eliminación dos dez máis prexudiciais, identificados polas propias empresas: os chamados “dez terribles”:
- creación e funcionamento complicados das empresas;
- normas complexas da UE;
- falta de implicación por parte dos Estados membros;
- recoñecemento limitado das cualificacións profesionais;
- ausencia de normas comúns;
- normas fragmentadas sobre envasado;
- falta de conformidade dos produtos;
- regulamentación nacional dos servizos restritiva e diverxente;
- normas complexas para o desprazamento de traballadores en sectores de baixo risco;
- restricións territoriais inxustificadas no subministro que provocan prezos elevados para os consumidores.
Estes son os obstáculos que máis dificultan a libre circulación de bens e servizos, impedindo que empresas e cidadáns aproveiten plenamente o mercado único europeo. Foron identificados mediante amplas consultas coas partes interesadas. A súa eliminación permitirá potenciar a libre circulación de produtos seguros, a prestación transfronteiriza de servizos e a simplificación da creación e xestión de empresas en toda a UE.
Achegar novo dinamismo ao sector dos servizos en Europa
Os servizos representan a maior parte da economía europea, pero o seu comercio transfronteirizo está estancado. A Estratexia céntrase en sectores específicos e propón:
- presentar unha Lei de Servizos de Construción e unha nova Lei da UE sobre a Entrega, para modernizar as normas nos sectores da construción e dos servizos postais e de paquetería;
- facilitar os servizos relacionados coa industria, como instalación, mantemento e reparación;
- axudar aos Estados membros a liberar os servizos regulados prestados ás empresas de regulamentación innecesaria.
Estas medidas complementarán as iniciativas xa en marcha nos sectores da enerxía, telecomunicacións, transporte e servizos financeiros.
Apoiar o desenvolvemento e crecemento das pemes
Para axudar ás pemes a aproveitar ao máximo as oportunidades do mercado único, a Comisión introduce unha nova definición de pequenas empresas de mediana capitalización (PEMC), ampliando a estas empresas algúns dos beneficios reservados actualmente ás pemes. A Estratexia propón un “identificador de peme”, unha ferramenta en liña para verificar facilmente a condición de peme.
Ademais, a rede de representantes para as pemes promoverá medidas de apoio e facilitará a actividade das pemes no comercio transfronteirizo. Estas novas iniciativas preséntanse xunto co último Informe Anual sobre as Pemes Europeas, que destaca o crecemento previsto do valor engadido e do emprego nas pemes.
Simplificar a normativa existente e facer da dixitalización a norma
Como parte do compromiso da Comisión de reducir a carga normativa e administrativa para as empresas, publícase tamén hoxe o cuarto paquete de simplificación ómnibus. As medidas supoñen unha redución de 400 millóns de euros nos custos administrativos anuais para as empresas.
Entre outras cousas, as empresas poderán presentar documentos en formato dixital para cumprir coas obrigas derivadas da lexislación harmonizada da UE sobre produtos, e proporcionar instrucións de uso en formato dixital no canto de papel.
Mellorar a responsabilidade compartida do mercado único
Para que os beneficios do mercado único sexan máis tanxibles, cómpre aumentar a responsabilidade política compartida cos Estados membros.
Con este obxectivo, os Estados membros deberán nomear un representante de alto nivel do mercado único (ou “sherpa”) encargado de supervisar a aplicación das normas do mercado único da UE.
Tamén se anima aos Estados membros a avaliar a proporcionalidade das súas medidas nacionais para evitar crear novos obstáculos ao mercado único.
Contexto
Dende a súa creación hai máis de trinta anos, o mercado único foi un poderoso catalizador do crecemento, da prosperidade e da solidariedade en Europa.
Con 26 millóns de empresas e 450 millóns de consumidores, Europa é hoxe o segundo maior mercado do mundo, cun PIB de 18 billóns de euros, o que representa o 18 % da economía mundial.
A nova Estratexia para o Mercado Único responde directamente a unha solicitude do Consello Europeo, que en abril de 2024 pediu á Comisión a elaboración dunha estratexia horizontal para o mercado único antes de xuño de 2025.
Os ministros responsables de competitividade reafirmaron esta petición e solicitaron á Comisión unha folla de ruta detallada con accións e un calendario claro.
Estas peticións coinciden coas conclusións dos informes de Enrico Letta e Mario Draghi (2024), así como co Informe Anual 2025 da Comisión sobre o mercado único e a competitividade, que destacan que acadar un mercado único verdadeiramente integrado é fundamental para a competitividade e a resiliencia europeas.
Fonte: Comisión Europea
Máis información:
© Pexels