Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » As rexións periféricas marítimas reúnense na sede da FGE para abordar a política de cohesión e orzamentaria

As rexións periféricas marítimas reúnense na sede da FGE para abordar a política de cohesión e orzamentaria

10/02/2025 | , ,

— Máis de 40 representantes dos territorios que forman parte da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) repasaron a posición e as accións da entidade nesta materia

— Nos últimos meses, a CRPM organizou diversos eventos, publicou diferentes documentos e mantivo contactos coa Comisión e o Consello para defender a política rexional

Bruxelas, 10 de febreiro de 2025. A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu unha nova reunión do grupo de cohesión da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Máis de 40 representantes dos territorios que forman parte desta rede interrexional repasaron as súas accións e a propia posición sobre política de cohesión e orzamentaria, coa ollada posta no debate sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual.

Neste contexto, a CRPM proponse reforzar o seu labor para aumentar a súa influencia neste asunto. Nos últimos meses, a entidade intensificou a súa relación coa Presidencia polaca do Consello e mantivo un encontro co vicepresidente executivo da Comisión responsable de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto. Tamén organizou eventos a través do seu think tank Territories Matter, estivo presente na Semana Europea das Rexións e as Cidades e incorporou emendas no documento preliminar elaborado polo grupo socialista do Parlamento Europeo sobre cohesión.

Nestes momentos, a CRPM prepara propostas técnicas para anticiparse ao novo marco financeiro plurianual e aos cambios na política de cohesión, ademais de participar na elaboración do próximo programa de traballo do Banco Europeo de Investimentos (BEI), en consultas públicas e en próximos eventos como InterregGo ou o seminario organizado por ESPON sobre resiliencia adaptativa nas rexións fronteirizas.

Contexto

A Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas reúne a uns 160 territorios de 24 estados da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo e orienta a súa acción cara a toma en consideración das necesidades e dos intereses das súas rexións membro nas políticas de grande impacto territorial. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade. Tamén son áreas da súa actividade a gobernanza europea, a enerxía, o cambio climático, a veciñanza e o desenvolvemento. 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data