Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos » Xa están abertas as inscricións para a 25ª edición de TecEuropa!

Xa están abertas as inscricións para a 25ª edición de TecEuropa!

24/09/2026 |

— Organizado pola Fundación Galicia Europa, o curso celebrarase de maneira presen-cial en Bruxelas do 17 ao 19 de novembro

— O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 8 de outubro

Bruxelas, 24 de setembro de 2026. A Xunta abriu o prazo de inscrición para a 25ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia, organizado pola Fundación Galicia Europa. O programa celebrarase de maneira presencial en Bruxelas do 17 ao 19 de novembro e a asistencia é de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 8 de outubro.

TecEuropa conta cunha cabida máxima de 30 persoas. As admisións faranse segundo a orde de solicitude e a Fundación Galicia Europa velará por un equilibrio entre entidades públicas e privadas.

Ao longo de tres días, as persoas participantes terán acceso a unha visión integral das fontes de financiamento europeo dispoñibles e das políticas europeas relacionadas con elas. O obxectivo é facilitar a identificación das diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa ou Life. Así mesmo, o programa permitirá coñecer de primeira man as principais institucións comunitarias, con visitas á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo, ao Comité Europeo das Rexións e ao Comité Económico e Social Europeo.

Esta 25ª edición de TecEuropa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Fundación Galicia Europa.

Que é TecEuropa?

En 2015, a Fundación Galicia Europa puxo en marcha o curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa co obxectivo de proporcionarlle ao persoal técnico das entidades galegas unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas.

Coas máis de mil persoas que participaron en edicións anteriores, TecEuropa aspira tamén a afianzar en Galicia unha rede de técnicos en proxectos europeos que permita compartir experiencias e coñecementos, así como desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

As persoas interesadas poden obter máis información na web desta edición.

Fonte: Xunta de Galicia

Máis información: Programa TecEuropa

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data