Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos » Unha vintena de profesionais galegos danse cita en Bruxelas para coñecer as claves do financiamento comunitario

Unha vintena de profesionais galegos danse cita en Bruxelas para coñecer as claves do financiamento comunitario

18/11/2025 |

— Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e presidente da Fundación Galicia Europa, inaugurou a 23ª edición de TecEuropa en Bruxelas

— Durante esta semana os participantes recibirán formación sobre como acceder ao financiamento comunitario e visitarán as principais institucións comunitarias

Bruxelas, 18 de novembro de 2025. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e presidente da Fundación Galicia Europa, foi o encargado de inaugurar hoxe en Bruxelas a 23ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa.

A formación reúne esta semana en Bruxelas a 18 profesionais galegos de entidades públicas e privadas, incluíndo persoal da administración autonómica, concellos, empresas, ONG e universidade.

A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, é a encargada de impartir dúas sesións formativas nas que os asistentes recibirán claves para presentarse a convocatorias de programas de financiamento, así como consellos xerais para preparar as candidaturas.

Os participantes poderán visitar as institucións comunitarias durante estes días. Achegaranse ata o Parlamento Europeo, o Comisión Europea e o Consello. Tamén visitarán o Comité Europeo das Rexións, onde aprenderán sobre a participación de Galicia nel, e o Comité Económico e Social.

A Consellería de Facenda colabora nesta nova edición grazas a un convenio que permite continuar organizando o curso. A formación das entidades galegas en financiamento europeo, especialmente as vinculadas á xestión dos fondos estruturais, é unha prioridade para Facenda. Ademais, o propio curso está financiado con fondos europeos, a través da asistencia técnica do programa FEDER Galicia.

“Un programa para afrontar desde Galicia os retos da UE”

Nas súas palabras de benvida aos participantes, o conselleiro salientou a relevancia desta formación e afirmou: “Confío en que este curso vos dea a oportunidade de reflexionar, combinando a perspectiva europea coa vosa, sobre como podemos afrontar desde Galicia os retos actuais da Unión Europea.” Indicou que entre eses retos se atopan a soberanía estratéxica, a transformación dixital, o cambio demográfico e a transición enerxética e ecolóxica, e subliñou que o curso abordará tanto as políticas europeas como os fondos que as acompañan.

“Achegarémonos ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, aos fondos estruturais, ben coñecidos en Galicia, como o FEDER e o FSE, e tamén a programas de xestión directa como o Horizonte Europa ou o LIFE.”, concluíu Diego Calvo.

Unha década de TecEuropa

TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza dende hai dez anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles.

Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos. Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu a máis de mil participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas dende 2020.

Máis información sobre o programa TecEuropa

© Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data