Actualidade
Portada » Actualidade »O curso Teceuropa impulsa a formación en financiamento europeo cunha nova edición en Bruxelas e un novo boletín en financiamento comunitario
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a 24ª edición desta acción formativa que se desenvolverá en Bruxelas desde hoxe ata o xoves
— A FGE lanza un novo boletín para dar a coñecer as convocatorias de financiamento comunitario
Bruxelas, 23 de xuño de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a 24ª edición de TecEuropa, curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia. Desde hoxe ata o xoves, a Fundación Galicia Europa (FGE) acollerá en Bruxelas unha vintena de profesionais de entidades públicas e privadas galegas, pertencentes á administración pública, consultoras e universidades, entre outras, que recibirán formación especializada e visitarán as principais institucións comunitarias.
Jesús Gamallo explicou na inauguración do curso que o obxectivo deste programa é ofrecerlles aos participantes unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario para axudalos a comprender os mecanismos de intervención da UE. A sesión inaugural completouse cunha presentación detallada do labor da FGE como oficina de representación dos intereses galegos ante as institucións europeas.
![]()
Ao longo destes tres días, as persoas participantes no curso asistirán a diversas sesións formativas impartidas pola Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos. Nestas formacións achegaranse as claves para concorrer a convocatorias de programas como Erasmus+ ou Horizonte Europa, ademáis de consellos xerais para a preparación de candidaturas. Así mesmo, as persoas asistentes visitarán cinco institucións comunitarias: o Consello da UE, o Consello Económico e Social Europeo, o Comité Europeo das Rexións, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea.
Novo boletín de financiamento comunitario
Coincidindo co inicio do curso, a Fundación Galicia Europa lanzou hoxe un novo boletín de financiamento comunitario. Esta ferramenta recolle as principais convocatorias e oportunidades de financiamento de interese para a rede de persoal técnico que se foi consolidando desde os inicios deste programa formativo. Dende 2015, o programa ten formado máis de mil participantes.
Fonte: Xunta de Galicia
© Fundación Galicia Europa