LANZAMENTO DO “EUROPEAN ENTERPRISE AWARD”, PREMIO EUROPEO PARA AS EMPRESAS QUE FOMENTEN O ESPÍRITU EMPRESARIAL

Durante o último Consello de Competitividade celebrado no Luxemburgo, o
comisario encargado da Industria e das Empresas, Günter Verheugen e os ministros
británicos de Finanzas, Gordon Brown e da Política Industrial e Empresarial,
Alan Johnson, anunciaron o próximo lanzamento dun novo premio a escala europea,
o European Enterprise Award (Premio Europeo das Empresas), destinado a recoñecer
aquelas iniciativas rexionais e locais que fomenten o espíritu de empresa.


En declaracións do Comisario, “este premio contribuirá a mellorar a
competitividade de Europa, recompensando os esforzos de todos aqueles que
fomenten a creación dun ambiente favorable de crecemento das empresas”.


O Premio está dirixido a todas aquelas autoridades rexionais e locais dos
países europeos que participan no programa “Empresas” da Comisión Europea
(incluíndo Bulgaria, Romania, Islandia, Noruega e Turquía). Así son benvidas as
autoridades públicas (concellos, vilas, rexións), pero tamén tódolos
partenariados público-privados con participación de empresas privadas, de
asociacións profesionais ou de programas educativos. Un xurado experto a nivel
europeo elixirá aquelas iniciativas empresariais vencedoras.


Este Premio será lanzado oficialmente o próximo 14 de novembro, tendo como
data límite para a presentación de candidaturas a nivel nacional o 31 de maio de
2006 e a nivel europeo o 15 de setembro de 2006. Dous meses despois, en
novembro, terá lugar a cerimonia de entrega dos Premios.


Por este motivo, a Comisión Europea, a través da súa representante especial
para as PEMES, Maive Rute, organizará unha sesión informativa “ad hoc” o 29 de
novembro de 2005, aberta a tódalas institucións e representacións locais e
rexionais establecidas en Bruxelas.


Mais información