Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade » Galicia avoga en Bruxelas polo seu modelo de “diversificación industrial” dentro do Programa Europeo de Defensa

Galicia avoga en Bruxelas polo seu modelo de “diversificación industrial” dentro do Programa Europeo de Defensa

27/04/2026 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, considera prioritario “seguir impulsando a capacidade de dobre uso para as empresas galegas”.

— A Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións debateu o pasado xoves impulsar medidas lexislativas, económicas e de apoio empresarial para a transformación da industria de defensa da UE, iniciativas en sintonía coa política da Xunta neste ámbito.

Bruxelas, 27 de abril de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, participou o pasado xoves na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións, na que se debateu a proposta presentada o pasado mes de novembro pola Comisión Europea: “Folla de ruta para a transformación da defensa da UE”. A Xunta apoia as solucións de “diversificación industrial”, fomentando o desenvolvemento do denominado “dobre uso” (civil e militar), en consonancia coas políticas que a Unión Europea vai desenvolver en materia de defensa e ciberseguridade.

Gamallo considera prioritario “seguir impulsando a capacidade de dobre uso para as empresas galegas, o que sitúa a Galicia en primeira liña da transformación industrial”. Cita exemplos como os sectores naval e marítimo, téxtil, enerxético e os ámbitos da ciberseguridade, a IA e as tecnoloxías dixitais, que forman parte da estratexia de innovación e desenvolvemento económico que promove o goberno galego. “Galicia conta cunha base industrial sólida e diversificada”, di Gamallo, e subliña que a Xunta puxo en marcha en 2025 a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, co fin de introducir paulatinamente as tecnoloxías de dobre uso nas industrias civís.

Estes plans van en consonancia co debatido hoxe na Comisión de Política Económica para a transformación da industria de defensa da UE. Galicia avoga por un investimento en defensa que reforce a modernización industrial, xere emprego e reteña talento, ademais de potenciar infraestruturas útiles tamén para usos civís. O dobre uso industrial permite aliñar defensa, innovación, educación, transición enerxética e desenvolvemento territorial, para que a transformación da defensa reforce a cohesión e o benestar das comunidades locais.

Na reunión abordáronse outros ditames como a Carteira Europea de Empresas, a Revisión da ciberseguridade e o Regulamento de Redes Dixitais, así como a Lei de Aceleración Industrial, orientada a impulsar a fabricación, o crecemento empresarial e a creación de emprego na UE.

No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data