Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Educación e cultura »O novo paquete europeo de educación e capacidades busca reverter o descenso das competencias básicas
— O novo paquete promove un uso seguro da intelixencia artificial nas aulas, medidas de apoio ao profesorado e unha formación profesional máis conectada co mercado laboral
Bruxelas, 5 de november de 2026. A Comisión Europea presentou un novo Paquete de Educación e Competencias para reverter o descenso das competencias básicas, axudar os centros educativos a aproveitar a intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe e afrontar a escaseza de profesorado.
O paquete céntrase en catro prioridades: mellorar os resultados nas competencias básicas, aproveitar as ferramentas dixitais e de intelixencia artificial na educación, reforzar a profesión docente e conseguir que a educación e a formación profesionais sexan máis áxiles, estratéxicas e conectadas.
As medidas buscan tamén adaptar os sistemas educativos ás novas necesidades do mercado laboral para protexer a competitividade e a resiliencia democrática de Europa.
Entre as iniciativas concretas figura unha recomendación do Consello para reverter o descenso das competencias básicas. O texto propón orientar as reformas e os investimentos cara á mellora dos resultados, conceder maior autonomía aos centros e ao profesorado, reforzar as prácticas baseadas en evidencias e mellorar o apoio prestado nos centros educativos.
As Alianzas Europeas de Escolas reunirán centros e autoridades educativas de diferentes Estados membros en asociacións de longa duración. Cada alianza traballará para mellorar polo menos unha competencia básica mediante un plan con resultados medibles.
Erasmus+ xa prepara a posta en marcha destas alianzas, con apoio específico para centros e autoridades educativas a partir de 2027. O obxectivo é chegar a crear 100 alianzas anuais durante o próximo Marco Financeiro Plurianual.
Desde 2027, unha nova Rede Europea de Servizos de Asesoramento e Apoio conectará os servizos nacionais e rexionais para reforzar a asistencia aos centros en ámbitos como o liderado, o benestar, a preparación dixital e para a intelixencia artificial e a colaboración coas familias.
Ademais, poranse en marcha 30 servizos rexionais co apoio financeiro de Erasmus+.
Un uso máis seguro das tecnoloxías dixitais
O 3 de novembro, a Comisión creou o Consorcio Europeo de Infraestruturas Dixitais para a Educación (EDU-EDIC), por petición de oito Estados membros fundadores.
O consorcio reforzará a soberanía tecnolóxica europea no ámbito educativo e permitirá compartir recursos e coñecementos para implantar servizos dixitais e de intelixencia artificial fiables nos centros, facilitar o intercambio seguro de datos entre institucións educativas e axudar as empresas europeas de tecnoloxía educativa a prestar servizos noutros países.
A Comisión elaborará resultados de aprendizaxe e orientacións de avaliación sobre alfabetización en intelixencia artificial adaptados a cada idade, baseándose no Marco de Alfabetización en IA da UE e da OCDE.
Tamén probará un certificado de alfabetización en intelixencia artificial para o alumnado a partir do curso 2027-2028.
Partindo do enfoque europeo sobre seguridade infantil en liña, a Comisión proporá un Compromiso Europeo por unhas Pantallas Saudables. A iniciativa proporcionará aos centros, ás familias e ao alumnado ferramentas e orientacións comúns sobre seguridade en liña, tempo de pantalla e equilibrio entre a vida dixital e a vida fóra da rede.
Unha profesión docente máis atractiva
A Comisión propuxo igualmente unha recomendación do Consello sobre o atractivo da profesión docente, denominada Axenda da UE para o Profesorado.
A proposta pide aos Estados membros que aborden a falta de docentes mediante carreiras e condicións laborais atractivas, unha formación inicial máis sólida, máis oportunidades de desenvolvemento profesional e unha maior participación do profesorado nas decisións sobre o uso da intelixencia artificial.
Tamén propón estreitar o diálogo europeo coa profesión docente e anima os Estados membros a incorporar os interlocutores sociais europeos da educación e os representantes do profesorado ao Grupo de Alto Nivel sobre Educación e Formación.
O apoio europeo canalizarase tamén a través das renovadas Academias do Profesorado 2.0, que desde 2027 se dirixirán especialmente ao profesorado que inicia a súa carreira e aos equipos directivos dos centros.
Modernización da formación profesional
A educación e formación profesionais desempeñan un papel fundamental para proporcionar as competencias prácticas que demanda a economía actual.
Son especialmente relevantes en sectores con elevada demanda de persoal, como a enerxía, a industria manufactureira, a sanidade, a defensa e a construción.
A nova Estratexia Europea de Educación e Formación Profesionais facilitará a formación en tecnoloxías avanzadas e o acceso a carreiras con perspectivas laborais a longo prazo.
Entre as principais medidas figuran:
- Un Acelerador Europeo de Formación Sectorial, cun proxecto piloto que comezará en 2027 e ofrecerá módulos formativos breves e flexibles desenvolvidos coa industria.
- Asociacións entre empresas e centros de formación profesional para crear novos centros formativos. A partir de 2028, axudarán especialmente as pemes a conseguir persoal cualificado e incorporar novas tecnoloxías.
- Un mercado europeo de mobilidade que axudará o alumnado e as persoas aprendices de formación profesional a atopar oportunidades formativas no estranxeiro e facilitará aos centros e ás empresas a organización de intercambios de calidade.
Próximos pasos
O Consello deberá examinar e adoptar as dúas recomendacións presentadas.
O 20 de novembro, a Comisión celebrará o Cumio Europeo de Educación e Competencias 2026, no que se iniciará a aplicación do paquete xunto cos Estados membros, interlocutores sociais, redes escolares, organizacións docentes, empresas tecnolóxicas e representantes do alumnado.
Contexto
A análise europea dos resultados de PISA 2025 mostra que o 33,9 % do alumnado europeo de 15 anos presenta un baixo rendemento en matemáticas, o 31,3 % en lectura e o 25,9 % en ciencias.
Tamén descendeu a proporción de alumnado con resultados excelentes. En 2025, só o 4,8 % acadou un rendemento elevado en lectura, o 6,4 % en ciencias e o 6,8 % en matemáticas.
O Paquete de Educación e Competencias forma parte da Unión das Competencias e busca axudar os Estados membros a alcanzar os obxectivos europeos para 2030.
Entre eles figuran reducir por debaixo do 15 % a proporción de alumnado con baixo rendemento en lectura, matemáticas, ciencias e competencia dixital, e elevar polo menos ata o 12 % a porcentaxe de estudantes con resultados excelentes en lectura, matemáticas e ciencias.
As medidas tamén están aliñadas coa estratexia Aplicar a IA, destinada a promover a adopción da intelixencia artificial nos sectores estratéxicos e nos servizos públicos, incluída a educación.
Máis información: Comisión Europea
Ficha informativa sobre o paquete de educación e capacidades
Ficha informativa sobre as capacidades profesionais para unha Europa competitiva
Paquete de educación e capacidades
Comunicación sobre unhas bases educativas máis sólidas para todos na era da IA
Proposta para invertir o declive das capacidades básicas
Proposta para unha profesión docente atractiva: a Axenda do Profesorado da UE
© European Union, 2016